Valence

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Valence (Valença en occitano), tamén chamada Valence-sur-Rhône, é unha cidade do sueste de Francia, capital do departamento de Drôme (26), na beira esquerda do río Ródano. A poboación do concello (commune) era de 66.568 habitantes en 2007.

Valence vista desde o río

Xeografía[editar | editar a fonte]

A cidade desenvolveuse, historicamente, sobre catro terrazas fluviais do Ródano, aínda que a máxima altura é de apenas 109 m sobre o nivel do mar. As dúas terrazas máis achegadas ao río corresponden ao núcleo máis antigo e as outras dúas ao casco urbano máis moderno.

Economía[editar | editar a fonte]

É unha cidade industrial e, sobre todo, de servizos. Segundo datos de 2005, o 76,5 % da poboación activa traballaba no sector servizos; o 22,6 % no sector industrial e a construción e só un 0,9 % estaba inscrita no sector agrario. As industrias principais de Valence son agroalimentarias, téxtiles, metalúrxicas, de construcións mecánicas e electrónicas.

Monumentos[editar | editar a fonte]

Valence é unha cidade monumental da que se poden destacar varios pazos e mansións, entre outros:

    • a Maison du Drapier (Casa do Paneiro), do século XII, restaurada no XIX;
    • a Maison de la Pra, do século XV;
    • a Maison des Têtes (Casa das Cabezas), mansión de 1528-32;
    • o Hôtel Dupré la Tour, século XVI.

Entre os edificios relixiosos sobresaen:

    • a catedral de Saint-Apolinaire, século XI, románica;
    • a igrexa de Saint-Jean-Baptiste, dos séculos XI e XII, con torre-pórtico neorrománica do século XIX.
    • O Pendentif, datado en ca. 1548, é un monumento funerario en honra ao cóengo Nicolas Mistral.

Outra serie de monumentos son máis recentes, como:

    • o Teatro, edificio á italiana, erguido en 1837, con recentes restauracións;
    • o Quiosco Peyret, un palco de música que data de 1860.

O Museo de Belas Artes foi creado en 1850 e instalado no antigo pazo bispal en 1911.

Ademais a cidade conta cun total de 40 km de canles, algúns orixinarios da Idade Media, dos cales 8 km poden ser usados como rutas de paseo.

Nativos famosos[editar | editar a fonte]