Usuario:Chevere

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Chévere é unha compañía de axitación teatral con 25 anos de traxectoria. Neste tempo, converteuse nun dos grupos de teatro máis populares e queridos de Galicia, sorprendendo ao público non só co seu peculiar sentido do humor, senón tamén con proxectos sempre innovadores e unha estética e un estilo propios e moi recoñecibles. Aínda que mantén un núcleo estable (Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Xron), Chévere caracterizouse por incorporar aos seus proxectos a numerosos profesionais de distintas procedencias xeográficas e creativas, convertíndose nunha auténtica canteira teatral. No 2011 recibiu o Premio da Crítica de Galicia e o Premio de Honra do festival Internacional de Teatro de Ribadavia e vén de obter 5 Premios de Teatro María Casares en 2012 coa súa última obra, Citizen. Chévere trata de aproximarse e de interesar a un público o máis amplo posible, utilizando o humor como vehículo para establecer unha comunicación directa. A súa é unha proposta de raíz popular, pero aberta a outras linguaxes contemporáneas: a música, o cómic, o cine, a pintura, a televisión... que se nutre do clown, do bufón e do esperpento e que se serve dos xéneros (o musical, o western, a ciencia-ficción, o terror, o romántico, o cabaret, a ópera) para falar do noso mundo sen complexos. Desde a irrupción do colectivo no panorama do teatro galego en 1988, cun grupo amplo de xente moi nova, Chévere veu mantendo unha proposta estética ecléctica, desarraigada e singular e un importante intervencionismo cultural en todo tipo de frontes: accións de rúa, recuperación de festas populares, organización de festivais, concertos, edición de libros, discos, k7, CD’s... Chévere, ademais, promoveu a creación dunha sala estable de espectáculos en Santiago de Compostela: a Nave de Servicios Artísticos-NASA http://redenasa.tv/, que xestionou e alimentou creativamente desde outubro de 1992 ata outubro de 2011. A parte de ser o cuartel xeral da compañía e de servir de base para a produción cultural da cidade, a NASA foi un punto de encontro para o público máis atrevido e implicado, e un dos centros máis importantes e emblemáticos da cultura independente en Galiza, favorecendo o intercambio e o encontro con grupos, colectivos e artistas doutros territorios.