Supermarine Commercial Amphibian

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Supermarine Commercial Amphibian
Tipohidroavión de pasaxeiros
FabricanteSupermarine
Deseñado porR.J. Mitchell
Primeiro voosetembro de 1920
Estadodestruído
Unidades construídas1

O Supermarine Commercial Amphibian (orixinalmente chamado Supermarine Amphibian, e despois designado N147 polo Ministerio do Aire británico) foi un hidroavión de pasaxeiros. Foi o primeiro avión deseñado por Reginald Mitchell de Supermarine e construíuse nos talleres da compañía en Woolston, Southampton, para unha competición do Ministerio do Aire que tivo lugar durante setembro de 1920. Baseado no Supermarine Channel, o Amphibian era un hidroavión biplano cun único motor, un casco de madeira, envergaduras desiguais e un motor Rolls-Royce Eagle de 350 cabalos de potencia (260 kW). O piloto sentábase nunha cabna abaerta detrás de dous pasaxeiros.

O Commercial Amphibian quedou segundo na competición, pero foi xulgado o mellor dos tres participantes en canto a deseño e fiabilidade, e polo tanto entregáronselle dous premios de £4 000 (equivalentes a £159 400 en 2019). En outubro de 1920 esnafrouse e quedou danado sen posibilidades de reparación e non se construíron máis Commercial Amphibians, aínda que en virtude do rendemento da aeronave durante a competición, Supermarine recibiu o encargo de facer un prototipo de Fleet Spotter Amphibian de tres prazas, máis tarde chamado Supermarine Seal II.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

En abril de 1920, o Ministerio do Aire británico anunciou que celebraría dúas competicións para avións comerciais, unha para avións terrestres e outra para hidroavións. O obxectivo do Ministerio era o de intentar estimular a industria aeronáutica británica, que levaba tendo problemas dende o final da primeira guerra mundial. O Supermarine Commercial Amphibian, coñecido orixinalmente como Supermarine Amphibian, foi deseñado polo xefe de deseño de Supermarine Reginald Mitchell para competir polo premio do hidroavión, sendo o seu primeiro deseño dun avión.[1][2] Os requisitos do Ministerio do Aire para os participantes incluían a necesidade de acomodar a polo menos dous pasaxeiros que puidesen entrar no avión en terra ou na auga. Tanto os pasaxeiros como a tripulación tiñan que ter acceso a chalecos salvavidas. O avión tiña que ser capaz de voar 350 millas náuticas (650 km) a 300 metros a unha velocidade de polo menos 130 km/h mentres levaba unha carga mínima de 230 kg. A aeronave tamén tiña que demostrar que podía voar durante tres minutos a 914 metros (3 000 pés) e aterrar sobre globos atados situados a 7,6 metros sobre o chan.[1]

Deseño[editar | editar a fonte]

Esquema do Commercial Amphibian

Mitchell baseou o seu deseño para o Amphibian no hidroavión Supermarine Channel, que á súa vez era unha versión modificada do AD Flying Boat, un avión de recoñecemento e patrulla producido a finais da primeira guerra mundial e que nunca viu acción durante o conflito.[3]

O Amphibian era un biplano monomotor cun casco de madeira e ás con distintas envergaduras. O motor de 350 cabalos (260 kW) Rolls-Royce Eagle estaba montado entre as ás en configuración pusher (coa hélice detrás). A cola tiña unha única deriva e un único plano horizontal montado na metade da deriva.[3][4] A parte dianteira do avión deseñouse para que o casco desviase a auga, cun perfil semellante ao dun barco. Unha innovación introducida por Mitchell foi un mecanismo para operar os aleróns simultaneamente. O tren de aterraxe deseñouse para ser parcialmente retraíble.[3]

O piloto do Amphibian estaba acomodado nunha cabina aberta xusto diante das ás, con espazo para dous pasaxeiros nunha cabina pechada máis adiante. Había unha cana de temón para que o piloto a utilizase cando a aeronave estaba na auga, para que puidese navegar máis facilmente por augas estreitas.[3][4]

Historial operacional[editar | editar a fonte]

O Amphibian antes dunha proba

A competición do Ministerio do Aire tivo lugar durante o mes de setembro de 1920 nas estacións experimentais da Royal Air Force en Martlesham Heath e Felixstowe. O Supermarine Amphibian (co rexistro G-EAVE) foi pilotado por Herbert Hoare[5][6] e competiu contra outros dous hidroavións, un Vickers Viking e un Fairey III.[7][8] Outros dous hidroavións non chegaron á competición.[9]

Debido ao seu maior peso e menor velocidade en comparaciäon cos outros dous competidores, o Supermarine Amphibian desempeöouse mal no aire, pero foi xulgado como o avión mellor construído e máis fiable da competición. Foi o único participante en completar todas as probas, e durante toda a competición nunca houbo necesidade de axustar o avión. A competición fora gañada polo Vickers Viking, que gañou o premio de £10 000 (equivalentes a £398 500 en 2019), e o Amphibian foi segundo. O Ministerio do Aire dobrou o premio de consolación de £4 000 para o Amphibian, recibindo así £8 000 (equivalentes a £318 800 en 2019). O Ministerio xulgou que o deseño de Mitchell era excelente e que o avión tivera un bo rendemento, tendo en conta que tiña o motor menos potente dos tres competidores.[6][10]

O Commercial Amphibian esnafrouse un mes despois da competición,[11] cando o 13 de outubro de 1920, tras saír de Southampton, tivo un accidente en Great Bookham, Surrey. Foi danado irreparablemente[12] e non se produciron outros Amphibians.[6]

Legado[editar | editar a fonte]

Tras a competición, o Ministerio do Aire designou o Vickers Viking como N146, e o Supermarine Amphibian como N147.[13] A partir do rendemento do Amphibian, o Ministerio do Aire encargou a Supermarine a fabricación dun prototipo de Fleet Spotter Amphibian de tres prazas.[14] O ministerio emitiu a especificación 7/20 para o prototipo, nomeado Supermarine Seal II, e Supermarine completou os planos en novembro de 1920.[14] Algunhas características vistas no Amphibian usáronse para desenvolver o Supermarine Walrus, do cal se construíron máis de 700 exemplares que estiveron operativos ata a segunda guerra mundial.[15] Mitchell tamén usou ideas tanto do Amphibian como do Supermarine Channel II para deseñar un Amphibian Flying Boat para Ship Work en 1920.[16]

Especificacións[editar | editar a fonte]

Datos de Supermarine Aircraft since 1914.[17]

Características xerais[editar | editar a fonte]

  • Tripulación: 1
  • Capacidade: 2 pasaxeiros
  • Lonxitude: 9,91 m
  • Envergadura superior: 15 m
  • Envergadura inferior: 14 m
  • Altura: 4,42 m
  • Superficie alar: 56 m2
  • Peso baleiro: 1 813 kg
  • Peso bruto: 2 585 kg
  • Planta de potencia: 1 motor de pistóns refrixerado por auga Rolls-Royce Eagle VIII V-12 de 350 hp (260 kW)
  • Hélices: hélice de paso fixo de madeira de 4 pas

Rendemento[editar | editar a fonte]

  • Velocidade máxima: 151 km/h
  • Velocidade de cruceiro: 130 km/h
  • Velocidade de baixada: 89 km/h
  • Alcance: 502 km

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Andrews & Morgan 1981, p. 41
  2. Pegram 2016, pp. 29-30
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Pegram 2016, p. 29
  4. 4,0 4,1 Andrews & Morgan 1981, pp. 42-43
  5. Type: Supermarine Amphibian (G-EAVE). Location: Bookham. Report No: C35. 1920 Oct. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Pegram 2016, p. 30
  7. Jackson 1973, p. 312
  8. Andrews & Morgan 1981, pp. 42, 44-45
  9. Andrews & Morgan 1981, p. 42
  10. Andrews & Morgan 1981, p. 44
  11. Andrews & Morgan 1981, pp. 44-45
  12. "Incident Supermarine Amphibian G-EAVE, 13 Oct 1920". aviation-safety.net. Consultado o 2023-07-18. 
  13. Andrews & Morgan 1981, p. 68
  14. 14,0 14,1 Pegram 2016, p. 32
  15. Andrews & Morgan 1981, pp. 147, 360
  16. Pegram 2016, p. 31
  17. Andrews & Morgan 1981, p. 45

Bibliografía[editar | editar a fonte]