Posto de banalización

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Posto de banalización na liña de alta velocidade HannoverWürzburg.

Un posto de banalización é unha instalación ferroviaria formada por desvíos que permite aos trens que circulan por unha vía dobre pasar dunha vía á outra.

O termo comezou a utilizarse coa aparición das liñas de alta velocidade, xa que empezaron a utilizarse elementos en plena liña cuxa única función era a de cambiar de vía sen estar localizados nas estacións nin ligados a ningunha outra instalación ferroviaria.

Configuración[editar | editar a fonte]

No ferrocarril as vías dobres pódense explotar principalmente de dous modos: cunha vía para cada sentido ou con ambas as vías preparadas para circular en ambos os sentidos, o que se coñece como vía banalizada. Normalmente todas as liñas de alta velocidade utilizan esta configuración, tamén dispoñibles nalgúns tramos de vía convencional renovada. A vía banalizada non só permite unha explotación circulando tanto pola dereita como pola esquerda indistintamente, senón que tamén admite circulacións en paralelo e adiantamentos en plena vía. Ademais, no caso de que unha das vías quede interceptada os trens poden circular pola outra vía en ambos os sentidos sen necesidade de establecer ningún dispositivo especial.

Existen ocasións nas que a explotación require que un tren inicie o seu percorrido nunha vía e continúe na outra. É o caso dun tren que deba cruzarse con outros trens que circulan en sentido contrario e posteriormente adiantar a outro tren que circule no seu mesmo sentido, ou dun tren que se atope un tramo de vía interceptado ante si. O cambio de vía pode realizarse nas estacións, pero no caso das liñas de alta velocidade a distancia entre estacións é moi grande, limitando a capacidade da liña, xa que por exemplo mentres dous trens circulen en paralelo non poden circular trens en sentido contrario. Para poder aproveitar ao máximo a capacidade da liña, sitúanse entre as diferentes estacións varios postos de banalización a distancias regulares que permiten que un tren cambiado de vía poida volver á vía orixinal en pouca distancia.

O estar en plena vía das liñas de alta velocidade obriga a que os desvíos utilizados sexan de alta tecnoloxía, para ser utilizados en vía directa á velocidade máxima da liña, e en vía desviada reducindo a velocidade o mínimo posible para non afectar os tempos de viaxe cando un tren ha de cambiar de vía. Os postos de banalización para permitir a explación son inicio e final de cantón.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]