Portal:Hóckey sobre xeo/Personalidade destacada/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pernell Karl "P. K." Subban, nado en Toronto (Ontario, Canadá) o 13 de maio de 1989, é un defensa profesional de hóckey sobre xeo. Desenvolvendo a súa carreira júnior nos Belleville Bulls da Ontario Hockey League (OHL), Subban foi seleccionado na segunda rolda do draft de 2007 no posto 43 polos Montreal Canadiens, nos que debutaría na tempada 2009-10, mentres competía no equipo afiliado dos Habs, os Hamilton Bulldogs da American Hockey League (AHL). Actualmente é un dos capitáns dos Canadiens. En 2013, gañou o James Norris Memorial Trophy, e foi xunto con Kris Letang como máximo anotador entre todos os defensas.

Internacionalmente Subban foi convocado para disputar dous torneos coa selección absoluta do Canadá, sendo a primeira vez no Campionato do mundo de hóckey sobre xeo 2013, conseguindo a 5ª posición, e logo nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2014, onde o equipo canadense conseguiu a medalla de ouro.