Longa Marcha

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa no que se pormenoriza o desenvolvemento da Longa Marcha. As partes sombreadas en laranxa indicas as zonas que estaban baixo control comunista.

A Longa Marcha (en chinés tradicional: 長征; en chinés simplificado: 长征; pinyin: Cháng Zhēng), tamén coñecida como Gran Marcha, foi unha viaxe a través do interior da China que seguiron as tropas do Exército Popular de Liberación, as forzas armadas do Partido Comunista da China, entre os anos 1934 e 1935, fuxindo do exército da República da China. Anos antes, os comunistas chineses lograran establecer unha zona baixo o seu control nunha área montañosa da provincia de Jiangxi, ao sur do país, onde estableceron a República Soviética da China. Perseguidos polas forzas da República, dirixidas polo xeneral en xefe Chiang Kai-shek, o 16 de outubro de 1934 os dirixentes comunistas decidiron emprender a fuxida cara ao interior do país, que os levaría un ano despois á provincia de Shaanxi, unha rexión aínda máis remota que tamén se atopaba baixo control comunista.

Durante a Longa Marcha, os comunistas, eventualmente liderados por Mao Zedong e Zhou Enlai, escaparon cara ao norte e oeste do país, percorrendo preto de 12.500 quilómetros en 370 días. A dificultade da viaxe a través da China interior, que só completarían arredor dunha décima parte das tropas que saíron de Jiangxi, faría deste un dos episodios máis significativos e determinantes da historia do Partido Comunista da China, que selaría o prestixio persoal dos novos líderes do partido, con Mao á cabeza, nas décadas seguintes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]