Locucións galegas sobre o pan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A pan e coitelo:
Ter xente na casa, estar a mesa posta
  • A pan comer: albergar xenta na casa, a mesa posta [1].
  • A pan e auga: sen comer outra cousa que pan e auga. Aplícase a castigos ou penitencias de xexún [1].
  • A pan e coitelo: v. a pan comer [1].
  • A pan e mantés: v. a pan comer [1].
  • (andar, estar, quedarse, vivir, poñer) A pan pedir: vivir da caridade pública, pedindo esmola, por estar na miseria [1].
  • A pan sabido: vivir mantido por outro, sen ter que preocuparse [1].
  • A pan seco: comer pan só, sen outro compango nin viño [1].
  • ¡Así Dios nos dea pan e paz!
  • Axudar a ganar o pan a alguén: axudar a outro a gañar o seu sustento [1].
  • ¡Benia ó pan que come!: dise de quen se ve forte e ben mantido, ou de quen posúe de abondo para vivir con desafogo [1].
  • Cara de pan: ter a cara seria.
  • Coller pan pro ano: dise do labrego que colleita o suficiente para o ano [1].
  • Comer o pan coa codia: cando o meniño xa sabe valerse por si. Aplícase tamén ós enfermos que empezan a recuperarse ou dos que teñen, ou dicen ter, certa experiencia e válense xa por si mesmos [1].
  • Comerlle o pan a un: estar alguén mantido por el [1].
  • Comer o pan dos máis: dise da persoa moi vella e con achaques, que se supón que xa está de máis, como se estivese comendo do que faría falta aos demais [1].
  • Coma o pan da boca: dise do que é indispensable para vivir.
  • Comer a pan sabido: vivir a expensas de alguén.
  • Comerlle o pan a un: estar mantido por alguén, por veces, aproveitarse del.
  • Como o pan da boca: dise do que resulta indispensable para a vida, do que se ten en grande estima [1].
  • Como pan bendito: que se vende con moita facilidade [1].
  • Con pan e con pau: a educación debe combinar os coidados e agasallos co castigo e a man dura [1].
  • Contigo pan e cebola: expresión usual entre enamorados, ponderando o seu desinterese [1].
  • Cortar tanto touciño coma pan: ter abundancia nas comidas, sen escatimar.
  • Custarlle a alguén a bóla un pan: cando algunha operación sae cara de máis ou cando un sae escaldado de calquera asunto [1].
  • De pan levar: aplícase ás terras dedicadas a sementar centeo, trigo ou millo [1].
  • Deixar a pan pedir: deixar na miseria absoluta.[2].
  • Engana-lo pan: comer calquera cousa acompañando o pan, aínda que non sexa de moito aprecio [1].
  • Escaldar o pan: cocelo con demasiado lume, de modo que se forman ampolas na codia [1].
  • Estar a pan e coitelo: vivir xuntos e moi a gusto, levarse ben dúas ou máis persoas [1].
  • Estar feito un forno: estar acalorado en exceso [3].
  • Estar metido en fariña: estar gordo [4].
  • Facer un pan coma unhas hostias: expresa o desacerto ou fracaso dunha empresa [1].
  • Facer un pan coma unhas noces: facer unha desfeita, estragar algo no que se estaba traballando [1].
  • Faltarlle o pan a un: carecer do máis indispensable para o sustento [1].
  • Gañar o pan: traballar e gañar o necesario para vivir.
  • Gañar o pan que come: dise de quen achega o seu traballo para xustifica-la comida que se lle dá. Aplícase ó meniño que xa pode facer algún traballo para axudar na casa [1].
  • Levarse coma o pan e o leite: ser íntimos amigos.
  • ¡Non che vai o pan polas pallas!: dise a quen non se apura por nada [5].
  • Non cocerlle o pan no corpo a un: estar inquieto, desconfiado [1].
  • Non comer pan: aplícase ó que, sen ter agora ningún valor, cómpre gardar por se nalgún momento pode ser útil [1].
  • Non comer un o pan de balde: non recibir un pago ou recoñecemento gratuitamente, senón como consecuencia do seu traballo [1].
  • Non dar un grau de trigo ó galo da pasión: ser extremadamente mesquiño [6].
  • Non estar o forno pra bolos: dise cando algo non é oportuno, cando non hai disposición para atender ou facer o que se propón [3].
  • Non haber pan por onde pasa: dise de quen está tan fraco e famento que parece que non houbese nin pan na súa casa [1].
  • O (noso) pan de cada día: o alimento de tódolos días; aplícase tamén a outras realidades que se repiten tódolos días ou moi frecuentemente [1].
  • Ó pan, pan: dici-las cousas claramente, sen rodeos nin eufemismos.
  • Pan por pan: dicir ou facer as cousas directamente, sen rodeos [1].
  • Pan por pan, e viño por viño: expresión que ratifica que un dixo as cousa con toda claridade e sen eufemismos [1].
  • Poñer a alguén a pan pedir: insultar a alguén, criticar duramente a alguén, deixalo humillado [1].
  • Quedarse alguén a pan pedir: quedar na ruína [1].
  • Quentarse o forno: enardecerse unha persoa, irritarse [3].
  • Repartir unha cousa como pan bendito: distribuíla en porciones moi pequenas, que non chegan a nada [1].
  • ¿Seica me queres comela broa?: dise a quen parece que nos toma por parvos, a quen nos quere tomar o pelo [7]
  • Ser algo pan comido: dise de algo difícil que se desexa ter, pero que se ten por seguro . Aplícase ás veces ás conquistas amorosas, dándoas por fáciles e seguras [1].
  • Ser algo pan comido: dise do que parece estar xa conseguido ou que é moi fácil de conseguir.
  • Ser como o ano que non hai pan: dise dos cicateros, rácanos, avaros [8].
  • Ser da mesma fariña: ser dúas persoas da mesma condición, costumes, familia, etc.[4].
  • Ser fariña doutro fol: ser dúas cousas ou persoas moi diferentes; ser algo totalmente alleo ó asunto de que se trata [4].
  • Ser máis bo que o pan: dise dunha persoa boa de máis [1].
  • Ser máis longo que un día sen pan: referido tanto a persoas ou obxectos físicos como a situacións que non parecen acabar nunca.
  • Ser pan e mel: ser unha cousa moi boa e agradable [1].
  • Ser un anaco de pan: ser moi boa persoa.
  • Ter pan e capelo: dise da moza que é rica e ten posibles [1].
  • Ter pan e porco para o ano: dise de quen posúe os medios necesarios para vivir con largueza durante o ano [9].
  • Ter pan pró ano: ter o suficiente para pasar o ano, aínda que sexa modestamente [1].
  • Vir o pan ó suco: comezar a madurar as espigas dos cereais. Por extensión, irse acomodando as circunstancias ós nosos desexos [1].
  • Xa non come o pan de trigo: dise de quen está a morrer [10].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 1,19 1,20 1,21 1,22 1,23 1,24 1,25 1,26 1,27 1,28 1,29 1,30 1,31 1,32 1,33 1,34 1,35 1,36 1,37 1,38 1,39 1,40 1,41 Eladio Rodríguez González, s. v. pan.
  2. Xa na Crónica troiana: "Et por ende tomarõ os dioses uingança, que de moý rricos que ante erã agora som muý pobres et apan pedir"; E por isto tomaron os Deuses vinganza, que de moi ricos que antes eran agora están moi pobres e a pan pedir.
  3. 3,0 3,1 3,2 Eladio Rodríguez González, s. v. forno.
  4. 4,0 4,1 4,2 Eladio Rodríguez González, s. v. fariña.
  5. José María Pereda Álvarez
  6. Eladio Rodríguez González, s. v. galiña.
  7. Eladio Rodríguez González, s. v. broa.
  8. Eladio Rodríguez González, s. v. ano.
  9. Frei Martín Sarmiento: Obra de 660 pliegos (1762).
  10. José María Pereda Álvarez (1953).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]