Expresión regular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En informática, unha expresión regular define un patrón usado para procurar cadeas de texto, segundo determinadas regras sintáctica. Constitúe un medio preciso de facer buscas. Con frecuencia vese abreviado como regex ou regexp.

As expresións regulares empréganas moitas linguaxes de programación, editores de textos e utilidades para procurar e manipular texto seguindo patróns determinados. O editor ed e o filtro grep, que aparecen en todas as variantes de Unix, foron os primeiros en popularizar o concepto de expresións regulares.

Un exemplo da sintaxe é a expresión regular \beu, que se pode empregar para procurar todas as veces que a cadea "eu" aparece en límites de palabra (que é o que significa o \b). Así, na cadea "eu vou a Bueu", \beu coincide co "eu" do principio, mais non co de "Bueu" (porque o "eu" aparece dentro da palabra e non inmediatamente a continuación dun límite de palabra).