Difusión a través de membrana celular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A difusión a través de membrana celular consiste no paso de diversas substancias a través da membrana plasmática. Posúe dúas variantes: a difusión sinxela e a facilitada. A difusión sinxela consiste no paso das substancias directamente, a través de aperturas da membrana ou dos espazos intermoleculares sen que exista interacción con transportadores de membrana. A velocidade á que difunden depende da concentración da substancia, da velocidade de movemento cinético e o número e tamaño das aperturas da membrana. A difusión facilitada precisa da interacción dunha proteína transportadora, que axuda ao paso das substancias. Non precisa de enerxía.

A difusión sinxela pode ocorrer a través de dúas rutas: a través do intersticio da bicapa lipídica se a substancia é lipofílica, ou ben a través de canais acuosos que ocupan todo o espesor da bicapa a través das grandes transportadoras proteicas.

Difusión de substancias liposolubles[editar | editar a fonte]

As substancias liposolubles atravesan con facilidade a membrana plasmática. É o caso do osíxeno, nitróxeno ou o anhídrido carbónico, que atravesan velozmente a membrana. Canta maior sexa a liposolubilidade, maior será a velocidade de difusión.