Compresor (máquina)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O compresor é unha máquina destinada a elevar a presión do aire que aspira da atmosfera.

Compresores alternativos de pistóns[editar | editar a fonte]

Os compresores alternativos de pistóns son os máis empregados. Para que poidan funcionar, é necesario que sexan movidos por unha enerxía externa, xeralmente electricidade ou algún tipo de hidrocarburo coma gasolina, gasóleo, etc.

Existen dous tipos de compresores alternativos:

  • Compresor de pistón monofásico. Grazas á súa estrutura biela-manivela-émbolo, o movemento circular do eixo do motor transfórmase nun rectilíneo alternativo. Dispón dunha válvula de admisión e outra de escape. Ao descender o émbolo, a válvula de admisión ábrese, debido á presión, e péchase a de escape.
Ao ascender o émbolo, péchase a válvula de admisión e ábrese a de escape.
Debido á compresión do aire, a súa temperatura aumenta, podendo chegar ata os 180 °C.
  • Compresor de pistón bifásico. O aire entra en dúas fases. Na primeira comprímese entre 3 e 8 bar e, na segunda, pode chegar ata 25 bar.
Ao ser a presión á que se comprime o aire maior que no caso anterior, a calor do aire comprimido é superior.
Para evitar que se deteriore o compresor, é necesario refrixeralo, razón pola que se empregan refrixeradores.