Buscadores de naufraxios

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Buscadores de naufraxios

Buscadores de naufraxios é unha serie documental galega sobre barcos afundidos na costa galega. Foi producida por Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia e creada e dirixida por Edu Lavandeira. Gañadora do Premio Mestre Mateo ao Mellor Programa de Televisión no ano 2019,[1] componse de 16 episodios que se estrearon entre o 23 de setembro de 2018 e o 6 de xaneiro de 2019.[2]

Características[editar | editar a fonte]

A serie consta dunha temporada de 16 capítulos. Cada un dos capítulos está protagonizado por un mergullador profesional galego diferente que investiga, mergulla e documenta os restos dun barco afundido nun punto concreto da costa galega. Ao longo dos 35 minutos de duración diferentes expertos, entre eles historiadores, capitáns de mariña, mariñeiros, mergulladores, meteorólogos ou escritores van reconstruíndo a historia dun barco en concreto que forma parte da historia dos naufraxios máis famosos en Galicia. Como colofón á reconstrución da historia, os minutos finais do capítulos dedícanse ao mergullo e documentación dos restos do pecio que aínda permanecen nos fondos galegos por parte dun mergullador profesional. A costa galega está chea de restos de famosos barcos de grande relevancia histórica configurando un patrimonio histórico submarino de relevancia mundial[3]. Hai galeóns, fragatas, cruceiros ou vapores de moi diversas épocas nas costas galegas. A serie foi seleccionada para a súa exhibición nos festivais Thunder Bay International Film Fest de Michigan e no Festival de Cine Arqueolóxico The Archeology Channel de Eugene (Oregón).[4] Tamén formou parte da programación do festival de cine submarino máis lonxevo de Galicia, a Semana de Cine Submarino de Vigo.[5]

Episodios[editar | editar a fonte]

Capítulo 1. O Matthew Cay. Vapor inglés afundido a 50 metros de profundidade na costa de Fisterra. Desde o seu afundimento en 1887 o Matthew Cay foi coñecido polos mariñeiros como o pecio da Carraca, ata que Fernando Carrillo atopou a campá do barco e pescudou o seu verdadeiro nome. Aínda que para os pescadores seguirá sendo o pecio da Carraca.

Capítulo 2. O Solway. José Antonio García, Tono, apaixonado do mar e de Malpica, que quere descubrir tantos pecios como sexa posible para poder mostrárllelos aos alumnos da súa escola de mergullo. Hai pouco atopou os restos dun barco mentres ía ao ourizo e está convencido de que se trata do Solway. O eixe de paletas, a enorme máquina e uns anacos de vaixela atopados a 25 metros de profundidade xunto aos baixos de Baldaio poderían ser claves para certificar que se trata do Solway, un dos primeiros vapores de paletas que cruzaron o Atlántico en 1840.

Capítulo 3. O Rytterholm. José María Troiteiro, Troi, apaixonado dos deportes de risco, boina verde e paracaidista ata que, saltando desde máis de 6000 metros de altura, tivo un accidente e fracturou o xeonllo. Desde entón, o único deporte que pode facer é o mergullo. Amante dos pecios, vaise mergullar nos restos do Rytterholm, o pecio máis emblemático da Coruña e que todos os mergulladores coñecen como O Chino, xa que o único tripulante que pereceu no naufraxio foi o cociñeiro, que era chinés.

Capítulo 4. O Cardenal Cisneros. Este buque foi unha das grandes apostas da Armada Española a comezos do século XX, un cruceiro acoirazado chamado a participar en grandes misións que se afundiu xunto ao faro de Fisterra cando realizaba unhas manobras militares.

Capítulo 5. O Galstar. Ana vaise mergullar a máis de 40 metros de profundidade para amosarlles aos espectadores o pecio do Galstar, un mercante sueco que navegando de Rotterdam a Barcelona acabou afundíndose en Viveiro con 950 toneladas de bórax e 700 caixas de whisky, naufraxio que moitos pensan que foi provocado.

Capítulo 6. O Achondo. Iñaki vaise mergullar co equipo do programa no Achondo, pecio dun arrastreiro vasco que en 1986 se afundiu na ría de Vigo. O barco veu descargar á cidade olívica porque os portos do Cantábrico estaban tomados por piquetes e, ao descoñecer a ría, acabou afundíndose a 38 metros de profundidade, onde se mantén en moi bo estado. José Manuel e Sabino Cabaleiro, tripulantes do Pepe 5, barco que rescatou os mariñeiros do Achondo, van relatar como viviron aquela noite, en que estado atoparon os sobreviventes e cal é, na súa opinión, a causa pola que o barco foi a pique.

Capítulo 7. A Santa María Magdalena. O equipo do programa “Buscadores de Naufraxios” coñecerá hoxe a Anxo González, que se mergullou en pecios, covas e, mesmo baixo o xeo, pero ningunha inmersión o impresiona máis que a da fragata Santa María Magdalena. Foi o primeiro pecio que visitou e séguelle producindo un gran respecto, xa que cada vez que se mergulla nel sente que está homenaxeando os máis de 500 mariñeiros que faleceron neste naufraxio. A fragata Santa María Magdalena afundiuse hai máis de 200 anos na ría de Viveiro cando o Imperio Napoleónico pretendía conquistar o norte da península.

Capítulo 8. O Skyro. Afundido en 1891, foi coñecido como “O Vapor da Prata”, pois transportaba un valioso cargamento de lingotes de prata e chumbo. Varios mergulladores ingleses trataron de recuperar este valioso cargamento, perecendo no intento ata que, finalmente, o mergullador vasco Ángel Erostarbe realizou a gran fazaña.

Capítulo 9. O Cordero González. Rafael Gutiérrez, profesor de mergullo, fontaneiro e descubridor do Cordero González. Grazas a un mariñeiro que lle deu as marcas, Rafa foi o primeiro en mergullarse nun pecio inédito e descubrir na súa popa as únicas dúas letras que quedaban da placa que levaba o seu nome: 'RO'. Tirando do fío descubriu que se trataba do Cordero González, un barco construído no estaleiro de carpintería de ribeira de Domaio e que naufragou en 1975 ao chocar co mercante Playa de Aldán á entrada do porto de Marín.

Capítulo 10. O Thonghai. Santiago Salido guía os espectadores ás profundidades da ría de Ferrol, a 65 metros, onde descansan os restos do mercante sueco Tonghai. Coas súas enormes máquinas que se levantan cara á superficie coma se fosen edificios, é un dos pecios máis impresionantes de Galicia. A expedición ao Barco de Yute, que é como o coñecen os pescadores da zona, vai supor un gran reto para Santi, xa que, non só se atopa nunha zona de gran tráfico marítimo, senón que, debido á súa profundidade, vai ter que usar técnicas e elementos propios do mergullo técnico.

Capítulo 11. O Mar Exeo. Rubén Lucas mergulla nos restos do Mar Exeo, o famoso petroleiro de bandeira grega que encallou fronte á Torre de Hércules da Coruña no 1992, provocando unha marea negra na costa e unha nube negra que cubriu toda a comarca.

Capítulo 12. O Southern Cross. Transatlántico inglés da compañía Hulder Line, que partiu de Liverpool con dirección a Buenos Aires portando 168 pasaxeiros e ao redor de 7000 toneladas de carga. Tras facer escala en Bilbao e Santander tiña previsto chegar a Vigo a véspera do día de Nadal de 1909. Con todo, ao entrar na ría olívica topouse co baixo da Borneira e xamais chegou a porto.

Capítulo 13. O Blas de Lezo. Buscadores de naufraxios mergullarase a 70 metros de profundidade para mergullar nun auténtico tesouro subacuático: o Blas de Lezo. Orgullo da Armada Española, o barco estaba chamado a facer historia ata que en 1932 naufragou nunha zona maldita para a Mariña: a costa de Fisterra.

Capítulo 14. O Aries. O Aries marchou ao fondo do mar en 1977 cando navegaba pola ría de Arousa. Converteuse así nun dos pecios máis emblemáticos de Galicia, ata o punto de que é máis coñecido que o propio barco, cuxa historia descobren os espectadores da Televisión de Galicia a través do testemuño do mariñeiro ribeirense que rescatou os seus catorce tripulantes.

Capítulo 15. A Bayonnaise. Buscadores de naufraxios volve a Fisterra para mergullarse nos restos da Bayonnaise, considerada a mellor fragata da Armada Francesa. Un navío tan emblemático para os franceses que a súa tripulación preferiu queimalo antes de que os ingleses fixésense con el. Alicia Carrillo mergullará neste pecio que, como ela mesma afirma, «aínda cheira a fume».

Capítulo 16. O Santa Isabel. Este último capítulo achegarase á illa de Sálvora para lembrar unha das maiores traxedias marítimas da nosa historia: o naufraxio do vapor Santa Isabel, catástrofe que se cobrou a vida de 213 persoas e que fixo que este transatlántico fose coñecido como «O Titanic Gallego».

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "«Buscadores de naufraxios», mellor programa nos Mestre Mateo". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-03-02. Consultado o 2023-01-19. 
  2. "Buscadores de naufraxios | CRTVG". www.crtvg.es. Consultado o 2023-01-19. 
  3. "Edu Lavandeira: «Galicia pode presumir do patrimonio subacuático da súa costa»". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-03-07. Consultado o 2023-01-19. 
  4. "«Buscadores de naufraxios» participa en dos festivales internacionales". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-01-26. Consultado o 2023-01-19. 
  5. "La Semana de Cine Submarino busca el Cordero González". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-11-14. Consultado o 2023-01-19.