Aslan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aslan é o único ser presente en todos os libros da serie, e é tamén o creador e destrutor de Narnia

Aslan é unha personaxe ficticia da heptaloxía infantil-xuvenil de The Chronicles of Narnia. É un dos protagonistas (ou o principal protagonista) da serie de libros. Aparece cos nomes do Gran León, o gran rei de Narnia, creador e salvador de toda Narnia. É a única personaxe que aparece en tódolos libros. Aslan é fillo do Emperador Alén dos Mares.

Durante os libros insístese en que non é un león domesticado.

Aparición nos libros[editar | editar a fonte]

O sobriño do mago[editar | editar a fonte]

No primeiro libro, O sobriño do mago, representa un papel fundamental, xa que é el quen crea o mundo máxico de Narnia. Trae do noso mundo a Digory e a Polly, dous pícaros que asistiran á creación de Narnia, e a Frank e Helen, a quen nomeará reis. É el quen crea ós animais e bestas que falan. Aínda que a Feiticeira Branca, que chega por casualidade a Narnia logo de que os nenos estiveran con ela noutro mundo, desaparece logo, Aslan dilles que volverá. Ademais, axuda a Digory a conseguir unha mazá que é quen de curar á súa nia enferma.

O león, a feiticeira e o gardarroupa[editar | editar a fonte]

No segundo libro, O león, a Feiticeira e o gardarroupa, Aslan xoga un papel fundamental. Cando Peter, Susan, Edmund e Lucy, os irmáns Pevensie, chegan a Narnia a través dun gardarroupa máxico descobren que a Feiticeira Branca está a tiranizar os narnianos e que eles, coa axuda do león, deben vencela e converterse en novos e lexítimos reis de Narnia. Cando Edmund traizoa os seus irmáns correspóndelle morrer a mans da Feiticeira, pero Aslan ofrécese no seu lugar e ela crávalle o coitelo, executándoo. Mais logo Aslan resucita debido a certa maxia que a bruxa non coñecía ben (se unha vítima inocente e disposta é executada en lugar do traidor, a mesa rompería e a morte efectuaría un movemento de retroceso). Así, axúdalles na batalla ós rapaces, vence á Feiticeira Branca e consegue facer de Narnia novamente un país libre e feliz. Coroa reis ós catro nenos e desaparece durante a cerimonia.

O cabalo e o seu meniño[editar | editar a fonte]

Durante O cabalo e o seu meniño, o terceiro libro, Aslan axuda a Shasta, un rapaz dun país lindeiro con Narnia, Calormania, a chegar a Narnia en busca da liberdade que se lle negaba alí. Polo camiño, porén, coñece a Aravis, unha moza filla dun importante habitante de Calormania, e escoitan os plans do rei para conquistar Narnia. Deciden ir avisar os reis de Narnia, Peter, Edmund, Lucy e Susan. Polo camiño un león parece atacalos, mais logo saberán que fora Aslan, que urxía os seus cabalos para chegaren a tempo a avisar os monarcas. Aparece tamén noutras ocasións, aparentemente molestándoos, pero sempre axudaba a Shasta e mais a Aravis, como cando acompañou a Shasta a avisar os narnianos, que farían chegar a mensaxe da invasión ós reis. Ó final da historia, Shasta descobre que é príncipe de Arquenlandia, un país que se atopa no medio de Narnia e Calormenia, e que se chama en realidade Cor.

O príncipe Caspian[editar | editar a fonte]

En O príncipe Caspian Aslan aparece cando Lucy, antiga monarca en Narnia, chega cos seus irmáns Peter, Edmund e Susan de novo ó mundo máxico, logo de que en Narnia pasaran 1300 anos. Chegan para axudarlle ó príncipe Caspian a reconquistar o trono Narnia ó seu tío Miraz, o usurpador. Aslan conforta á rapaza e só pode velo ela, os seus irmáns non. Mais, cando se reúnen con Caspian e loitan contra o exército do seu tío Miraz, Aslan fai aparición e esperta os espíritos do bosque e o río e axúdaos na loita. Finalmente Miraz e o seu exército é derrotado e Caspian consegue ser rei. Aslan fai un portal á Terra para enviar os irmáns Pevensie e avisa a Peter e Susan de que non poderán volver a Narnia.

A viaxe do peregrino da alborada[editar | editar a fonte]

No quinto libro, A viaxe do Peregrino da Alborada, Lucy, Edmund e o seu primo Eustace son enviados a Narnia á nave de Caspian. Seguen unha travesía que os leva a remotas illas onde Aslan os protexe dos perigos. Na illa do Dragón, na que Eustace se transforma en dragón, Aslan devólvelle o seu corpo arrincándolle a pel e as escamas. Tamén axuda a Lucy na illa en que debe axudar a estraños seres monópodos. Finalmente, aparece cando chegan á Fin do Mundo, onde lles comunica a Edmund e Lucy que non volverán xa a Narnia.

A cadeira de prata[editar | editar a fonte]

Durante A cadeira de prata Aslan faise presente ó principio, cando lles encomenda a Eustace (primo dos Pevensie) e a Jill (unha amiga de Eustace) a misión de rescatar o fillo de Caspian, Rilian, dunha malvada Feiticeira, para o que lles dá unha serie de instrucións fundamentais ó longo do relato ó traelos a Narnia. Eustace e Jill van ó Norte cunha estraña criatura do pantano pero esquecen cedo as indicacións de Aslan para cumpriren a misión. O león non aparece ata o final, aínda que os seus sinais son moi importantes.

A última batalla[editar | editar a fonte]

No último libro, A última batalla, un mono e un burro fanlle crer a todo o mundo cunha pel de león que Aslan volvera a Narnia, pero comezan a dar ordes crueis e lucrativas e atemorizan ós narnianos. O verdadeiro Aslan non aparece para os que aínda cren que o inventado polos dous tunantes é falso, que son poucos, e o por entón rei Erlian, que se conta entre os que desconfían do falso Aslan, está cada vez máis desesperado. Chégalle axuda cando Eustace e Jill chegan dende o noso mundo pouco despois de ser apresado e libérano. Cando ten lugar a batalla (na que teñen moitas posibilidades de perder), son conducidos a unha estancia que resulta ser a verdadeira Narnia unha vez dentro. Alí están Peter, Edmund e Lucy (Susan traizoa a Narnia ó preferir crer que foi un xogo, polo que non se atopa alí), Digory e Polly (os nenos que asistiron á creación de Narnia) e os reis Frank e Helen, os primeiros reis de Narnia, ademais doutras criaturas que van aparecendo ó longo dos sete libros. Aparece Aslan, que realiza certos signos que destrúen a suposta Narnia, pero pecha unha porta e atópanse na Verdadeira Narnia, que nunca remata e na que sempre estará con eles.