Antófitos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os antófitos son as plantas con flores.

Os antófitos [1] [2] (do grego άνθος ánthos, "flor" e φυτόν phytón, "vexetal", "planta") é un grupo taxonómico, ao que algúns autores adxudican a categoría de división, e que outros consideran como un clado, que comprende a todas as especies das chamadas plantas con flores.

É o grupo de seres vivos con maior número de especies coñecidas, ao redor de 275.000, as cales teñen unha enorme importancia para o home e para os animais en xeral. A súa característica máis importante é que presentan unha fecundación dupla.

Os antófitos son anxiospermas e, polo tanto, teñen óvulos encerrados en carpelos. A secuencia evolutiva deste grupo é pouco coñecida, pois faltan os primeiros elementos da cadea, ben porque non se fosilizaron, ben porque evolucionaron moi rapidamente. Comprende as dicotiledóneas e as monocotiledóneas.

Nos últimos tempos considerábanse o grupo como un clado que comprendería as anxiospermas —as anxiospermas actualmente existentes— así como as Gnetales e o extinto grupo das Bennettitales. Pero detallados estudos morfolóxicos e moleculares demostraron que o grupo non é realmente monofilético, e fixéronse propostas de que as homoloxías florais dos gnetófitos e as anxiospermas puideran ter evolucionado en paralelo.[3] Grazas a estes estudos é máis fácil conciliar os datos do reloxo molecular, que suxiren que as anxiospermas diverxeron das ximnospermas hai ao redor de 300 millóns de anos.[4]

Algúns estudos máis recentes utilizan a palabra antófito para describir un grupo que inclúe as anxiospermas e unha variedade de fósiles (Glossopteris, Pentoxylon, Bennettitales e Caytonia), pero non as Gnetales. [5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. antófito no dicionario da RAG.
  2. Por unha vez, a RAG sanciona correctamente, de acordo coas normas de adaptación de cultismos de orixe grecolatia, un termo co segundo compoñente -phyta, plural neutro do latín científico -phytum derivado do grego φυτόν phytón, "vexetal", "planta" (é innecesario recordar que os termos neutros do latín científico galeguízanse como masculinos), cousa que non fai sempre. Cf., por exemplo, briótitas, pteridófitas, ou espermatófitas, co agravante de que considera espermatófita como sinónimo de antófito)
  3. Crepet, W. L. (2000): "Progress in understanding angiosperm history, success, and relationships: Darwin's abominably "perplexing phenomenon"". Proceedings of the National Academy of Sciences 97 (24): 12939) PDF
  4. Nam J. et al. (2003): "Antiquity and Evolution of the MADS-Box Gene Family Controlling Flower Development in Plants Mol. Biol. Evol. 20 (9): 1435–1447. Ver en liña
  5. Soltis, D. E.; Bell, C. D.. Kim, S. e Soltis, P. S. (2008): "Origin and Early Evolution of Angiosperms" Ann. N.Y. Acad. Sci. 1133: 3–25. Resume"The Year in Evolutionary Biology" Resume

Véxase tamén[editar | editar a fonte]