Administración pública
Por Administración pública, xeralmente, enténdese á organización integrada por un persoal especializado, dotada de medios económicos e materiais públicos que pon en práctica as decisións tomadas polo goberno. Componse de todo o que a fai efectiva: funcionarios e edificios públicos, entre outros. Pola súa función, é o enlace entre a cidadanía e o poder político. Con todo, non só existe Administración Pública no Poder Executivo, senón en gran parte do Estado e ata en entes privados que desempeñan funcións administrativas por habilitación do Estado, coma os colexios profesionais. Do latín "ad-ministrare", que significa servir, ou de "ad manus traher" que alude á idea de manexar ou xestionar.
No entanto, o concepto de Administración Pública pode ser entendido desde dous puntos de vista.
- Desde un punto de vista formal, enténdese á entidade que administra, ou sexa, ao organismo público que recibiu normativamente a competencia e os medios necesarios para a satisfacción dos intereses xerais.
- Desde un punto de vista material, enténdese máis ben a actividade administrativa, ou sexa, a actividade deste organismo considerado nos seus problemas de xestión e de existencia propia, tanto nas súas relacións con outros organismos semellantes como cos particulares para asegurar a execución da súa misión.
Tamén se pode entender como a disciplina encargada do manexo científico dos recursos e da dirección do traballo humano enfocada á satisfacción do interese público, entendendo este último como as expectativas da colectividade.
Elementos
[editar | editar a fonte]- Medios persoais ou persoas físicas.
- Medios económicos (tributos).
- Organización; ordenación racional dos medios.
- Fins.
- Actuación, que debe ser licita, dentro dunhas competencia do órgano actuante.
Xuridicamente, o concepto de Administración pública úsase máis frecuentemente en sentido formal, referíndose a un organismo complexo e múltiple -sen prexuízo da súa unidade- que realiza unha actividade do Estado. Neste sentido, se dicimos "responsabilidade da Administración" quérese significar que o acto ou feito da Administración é o que responsabiliza ao Estado (ou comunidade autónoma, administración local etc.
Prerrogativas da Administración
[editar | editar a fonte]A Administración posúe unha serie de prerrogativas que a colocan nunha posición superior á do administrado. A xustificación é que a Administración defende os intereses xerais, mentres que o particular defende os intereses particulares ou propios de seu.
Entre as devanditas prerrogativas destacan:
- A interpretación unilateral dos contratos que asine cos particulares para a xestión indirecta das funcións administrativas (obras, subministracións etc.)
- A executividade dos actos administrativos (por exemplo, o cobro de multas polo procedemento de prema). É dicir, os actos da administración deben cumprirse, son obrigatorios
- O principio de autotutela: a administración está autorizada para impoñer unilateralmente as súas decisións aos particulares.
- O sometemento a unha xurisdición especializada, a xurisdición contencioso administrativa.
A Administración pública en España
[editar | editar a fonte]Segundo o artigo 103 da Constitución, a Administración Pública de España serve con obxectividade aos intereses xerais e actúa de acordo cos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación, con sometemento pleno á lei e ao dereito.
A nivel territorial, a Constitución de 1978 divide a Administración pública en tres niveis como consecuencia da definición de estado fortemente descentralizado:
- Administración Xeral do Estado: é a administración central de todo o Estado español (artigos 97 e seguintes da CE) encargada de levar á práctica o programa do Goberno e de satisfacer os intereses xerais.
- Administración autonómica: composta por todos aqueles organismos que xestionan competencias atribuídas total ou parcialmente ás rexións e nacionalidades de España (artigos 137 e seguintes da CE).
- Administración local: comprende as competencias transferidas a municipios, deputacións provinciais ou forais e cabidos insulares (artigos 140 e seguintes da CE).
A pluralidade de Administracións Públicas en España complétase coas Administracións non territoriais que desenvolven actividades concretas con potestades limitadas:
- Corporacións: colexios profesionais, cámaras de comercio, industria e navegación, confrarías de pescadores, federacións deportivas, etc.
- Institucións: fundacións públicas, organismos autónomos e entidades públicas empresariais.
- Administracións independentes: Banco de España, universidades etc.