República bananeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

República bananeira, do inglés banana republic, é un termo pexorativo para un país que sexa considerado como politicamente inestable, empobrecido e atrasado, cuxa economía depende duns poucos produtos de escaso valor engadido (simbolizados polas bananas), gobernado por un ditador ou unha xunta militar.

Características[editar | editar a fonte]

Outro trazo notable neste estereotipo é que na "república bananeira" a corrupción é práctica corrente en cada aspecto da vida cotiá, sendo comunmente desobedecidas as leis do país. Tamén adoita identificarse como característica da república bananeira o poder case absoluto que exerce sobre o seu goberno unha grande empresa estranxeira, xa sexa mediante subornos aos gobernantes ou por simple exercicio do seu poder financeiro.

Este termo continúa sendo empregado en moitas ocasións para describir de xeito despectivo a certos gobernos dos países suramericanos, centroamericanos, do Caribe, Asia e África. O termo foi acuñado por O. Henry, humorista e escritor de contos curtos estadounidense, para referirse a Honduras en Cabbages and Kings (1904, contos curtos ambientados en Centroamérica). O termo República nesa época (a comezos do século XX) era tamén un eufemismo de ditadura.

In the constitution of this small, maritime banana republic was a forgotten section... (Na constitución desta pequena e marítima república bananera había unha sección esquecida...)
en Cabbages and Kings de O.Henry
At that estafe we had a treaty with about every foreign country except Belgium and that banana republic, Anchuria. (Neses tempos tiñamos tratados con case todos os países estranxeiros agás Bélxica e esa república bananera, Anchuria)
en Cabbages and Kings de O.Henry

O termo foi inventado orixinalmente como unha referencia moi directa a unha "ditadura servil", que favorece (ou apoia directamente a cambio de subornos) a explotación da agricultura de plantación e monocultivo a grande escala, sen atender a mellorar as condicións de vida dos habitantes do país. A situación podíase xeneralizar ao resto de Centroamérica e á explotación do seu principal produto (o banano ou plátano) por parte da United Fruit Company, empresa estadounidense que mantiña unha influencia enorme sobre a política interna de América Central dende fins do século XIX até a década de 1970, xa sexa mediante o abuso do seu poder económico, ameazas de violencia, ou subornos a gobernantes.

Posteriormente popularizouse a denominación de "república bananeira" para facela extensiva de maneira pexorativa a calquera país do mundo que se considere como infestado de inestabilidade política, corrupción, e ilegalidade na súa vida cotiá.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]