Fórmula maxistral
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Unha fórmula maxistral é un medicamento destinado a un paciente específico, preparado polo farmacéutico, ou baixo a súa dirección, para cumprimentar expresamente unha prescrición médica detallada das substancias medicinais que inclúe, segundo as normas técnicas e científicas da arte farmacéutica, dispensado na súa farmacia ou servizo farmacéutico e coa debida información ao usuario.
Actualmente asistimos a unha importante volta á terapéutica personalizada, onde a formulación maxistral é o máximo expoñente da atención farmacéutica e, con frecuencia o único tratamento ao que poden acceder pacientes con problemas de saúde cualificados como raros, ou cuxo tratamento foi abandonado pola industria farmacéutica (laboratorios farmacéuticos) por falta de rendibilidade. A preparación do medicamento polo farmacéutico evita a marxinación terapéutica do diferente, do que non é rendíbel.
A formulación maxistral é unha actividade altamente técnica, cunha enorme importancia no campo da farmacoterapia, e dunha transcendencia incuestionábel no campo da clínica. Sobre todo, en referencia á resolución de problemas individuais. É a solución que o médico e o farmacéutico dan para resolver unha necesidade posolóxica ou galénica individual. Non existe nada máis actual e tradicional ao mesmo tempo. Este nivel de desenvolvemento da formulación non xerou ningún conflito, salvo a capacidade técnica para desenvolver produtos coa calidade exixida, e ofreceu importantes solucións no campo da pediatría, a dermatoloxía, a oftalmoloxía e a xeriatría.