Yakub

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Yakub (tamén baixo as formas Yacub ou Yacob). Segundo a doutrina da organización afroamericana Nación do Islam, lendario científico demoníaco da Tribo dos Shabazz que creou a raza branca nun proceso de 600 anos. As razóns, segundo Nación do Islam serían que a súa descendencia reinase 6000 anos sobre a terra, até que o poder volvese ao pobo negro, un proceso que, segundo as profecías, sería iniciado no 1914.

O nome Yakub parece descender bastante claramente do nome semita Ya'akov (Xacob), o nome do pai das tribos de Israel. As alusións a unha creación de 600 anos e a un reinado de 6000 parecen estar relacionadas co relato bíblico da creación do mundo en seis días.

Actualmente dende Nación do Islam ofrécese unha interpretación racionalista do mito baseado nos últimos descobrementos científicos e a súa teoría da descendencia de toda a raza humana de primixenios individuos de cor en África. A autobiografía de Malcom X alude a que, durante as súas viaxes polo mundo, moitos musulmáns ortodoxos reaccionaban con gran sorpresa ao darlles a coñecer o mito de Yakub.