Wikipedia:Sobre Galicia/decembro 2023

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marcharon cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. O historiador Antonio Eiras Roel estima en 2 041 603 o número de galegos emigrados a América entre o 1836 e 1960, o 38,5 % do total de migrantes españois (5 311 906), o que supuxo que Galicia tivese unha taxa de saída por cada mil habitantes superior a Irlanda nos momentos álxidos das correntes migratorias. Posteriormente, xa na segunda década do século XXI, por mor da crise en Galicia e España, iniciouse unha segunda vaga de emigración galega, principalmente cara a países de Europa (Alemaña e Inglaterra), formada normalmente por mozos con estudos e un nivel cultural medio-alto.