Wikipedia:Sobre Galicia/agosto 2012
O códice miniado coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus e en galego como Libro de Santiago ou máis comunmente como Códice Calixtino é un conxunto de textos reunidos en Santiago de Compostela nos anos finais do arcebispado de Xelmirez e que se presentaba como da autoría do Papa Calisto II. O exemplar máis antigo, datado entre 1150 e 1160, consérvase na Catedral de Santiago de Compostela e é copia dun exemplar modelo. A copia que realizou o monxe Arnaldo de Monte en 1173 coñécese como manuscrito de Ripoll e consérvase actualmente en Barcelona. Parte do manuscrito traduciuse ao galego no primeiro terzo do século XV, coñecido como Miragres de Santiago, recolle partes da Historia Karoli e da Guía do Peregrino. En 2010 publicouse a primeira tradución íntegra ó galego, se ben xa se realizaran outras traducións parciais do libro anteriormente. O Códice Calixtino imprimiuse por vez primeira en 1882. Foi restaurado en 1966 e volvéuselle engadir o Libro IV que estaba fóra do manuscrito dende 1609. O exemplar máis vello foi roubado da catedral de Santiago de Compostela en xullo de 2011. Foi recuperado un ano despois en bo estado de conservación.