Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/Profesorado/Competencias curriculares

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.




As competencias básicas na lexislación educativa
Segundo a Recomendación 2006/962/EC[1], do 18 de decembro de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello, sobre as competencias clave para a aprendizaxe permanente, defínense as competencias como "unha combinación de coñecementos, capacidades, ou destrezas, e actitudes adecuadas ao contexto", e considérase que “as competencias clave son aquelas que todas as persoas precisan para a súa realización e o seu desenvolvemento persoal, así como para a cidadanía activa, a inclusión social e o emprego”. Unha competencia supón a combinación de habilidades prácticas, coñecementos, motivación, valores éticos, actitudes, emocións e outros compoñentes sociais e de comportamento que se mobilizan conxuntamente para lograr unha acción eficaz. Xa que logo, as competencias considéranse como coñecemento na práctica, un coñecemento adquirido a través da participación activa en prácticas sociais que, como tales, se poden desenvolver tanto no contexto educativo formal, a través do currículo, como nos contextos educativos non formais e informais; conceptualízanse como “un saber facer” que se aplica a unha diversidade de contextos educativos, sociais e profesionais. En España incorporáronse ao sistema educativo non universitario as competencias clave co nome de competencias básicas. A LOE introduce o termo competencias básicas por primeira vez na normativa educativa, mentres que a LOMCE establece un modelo de currículo baseado en competencias[2]. Segundo o DECRETO 86/2015[3], do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, as competencias clave do currículo serán as seguintes:

  • Comunicación lingüística
  • Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
  • Competencia dixital
  • Aprender a aprender
  • Competencias sociais e cívicas
  • Sentido de iniciativa e espírito emprendedor
  • Conciencia e expresións culturais

Competencias curriculales adquiridas ó traballar na Galipedia
A aprendizaxe baseada en competencias caracterízase por:

  • A súa transversalidade
  • O seu dinamismo
  • O seu carácter integral

O proceso de ensino e aprendizaxe competencial débese abordar desde todas as materias de coñecemento e por parte das diversas instancias que conforman a comunidade educativa, tanto nos ámbitos formais como nos non formais e informais. O seu dinamismo reflíctese en que as competencias non se adquiren nun determinado momento e permanecen inalterables, senón que implican un proceso de desenvolvemento mediante o cal os individuos van adquirindo maiores niveis de desempeño no seu uso[4]. A Galipedia, dado o seu carácter de enciclopedia colaborativa aberta, é unha ferramenta multidisciplinar e dinámica coa que os alumnos poden progresar nas súas habilidades de uso, dende a mera consulta de artigos e a edición tutelada ate a edición avanzada e a participación na toma de decisións, podendo continuar desenvolvendo as súas competencias máis alo do ámbito propiamente educativo. Un enfoque metodolóxico baseado nas competencias clave e nos resultados de aprendizaxe comporta importantes cambios na concepción do proceso de ensino-aprendizaxe, cambios na organización e na cultura escolar; require a estreita colaboración entre os docentes no desenvolvemento curricular e na transmisión de información sobre a aprendizaxe dos alumnos e alumnas, así como cambios nas prácticas de traballo e nos métodos de ensino[5]. A Wikipedia facilita a colaboración entre docentes de diferentes disciplinas ou centros de ensino, e entre docentes e alumnos, por medio das páxinas de discusión, a taberna ou as páxinas de proxectos educativos. A adquisición eficaz das competencias clave por parte do alumnado e a súa contribución ao logro dos obxectivos das etapas educativas, desde un carácter interdisciplinar e transversal, require do deseño de actividades de aprendizaxe integradas que permitan avanzar cara aos resultados de aprendizaxe de máis dunha competencia ao mesmo tempo[6]. Un proxecto pedagóxico pode converterse nunha actividade de aprendizaxe na que se integren diferentes obxectivos, disciplinas, linguas, centros e competencias básicas. A continuación amósanse algunas vantaxes que presenta a Galipedia como ferramenta educativa para acadar as diferentes competencias básicas:

Competencia 1: Comunicación lingüística
A Galipedia é unha enciclopedia dixital que emprega múltiples formatos (texto, son, imaxe, audiovisual) que poden ser consultados ou editados de forma colaborativa polos usuarios. O seu formato é plurilingüe, de modo que un artigo pode ser consultado ou editado en diversas linguas, ou traducido entre elas. A Galipedia non é unha fonte primaria de información, pero precisa de fontes primarias autorizadas e verificables nos seus artigos, polo cal o seu emprego implica a busca desas fontes primarias do saber.

Competencia 2: Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
A participación do alumnado na edición de artigos científicos e tecnolóxicos require que asuman unha actitude crítica e científica cara a información que deben procesar e presentar. Este traballo contribúe de xeito inequívoco a mellorar non só o seu coñecemento científico, senón tamén a súa capacidade para contrastar, avaliar e seleccionar a información, procedemento inherente ao quefacer científico e tecnolóxico.

Competencia 3: Competencia dixital
A relación da Galipedia coa competencia dixital é evidente. Participar na Galipedia implica coñecer o funcionamento técnico desta e familiarizarse coas linguaxes de etiquetado, a publicación de información en liña, a edición de imaxe dixital ou a arquitectura da propia web.

Competencia 4: Aprender a aprender
Para editar artigos na Galipedia é preciso que o alumnado se enfronte a procesos de análise, selección e síntese de información que, sen dúbida, contribúen a que este desenvolva a súa capacidade para enfrontarse a novas aprendizaxes e retos cognitivos.

Competencia 5: Competencias sociais e cívicas
Un proxecto colaborativo e eminentemente social como a Galipedia baséase en valores de cooperación e participación cívica que deben ser fomentados entre o alumnado. Sentirse partícipes dun proxecto de tal magnitude é un reforzo positivo moi grande, e contribúe a xerar hábitos de responsabilidade, traballo en equipo e proactividade nos rapaces e rapazas.

Competencia 6: Sentido de iniciativa e espírito emprendedor
Participar na Galipedia require do alumnado actitudes de compromiso e responsabilidade, e os achega, de xeito seguro e controlado, ás dinámicas de funcionamento e ás dificultades de xestionar un proxecto real e de gran envergadura. Ademais familiariza ao alumnado co traballo en equipo inherente a esta actividade.

Competencia 7: Conciencia e expresións culturais
Unha enciclopedia é, se cadra, a máxima expresión da vontade de preservación da conciencia cultural dunha sociedade. Desde este punto de vista, que o alumnado participe na redacción dunha enciclopedia global e multicultural como é a Galipedia, favorece que poida asumir actitudes de respecto, valoración e coidado do patrimonio cultural da humanidade.