Wikipedia:Artigo destacado/xuño 2007
O burro ou asno (Equus asinus) é un mamífero doméstico da familia dos équidos, de ata metro e medio aproximadamente de altura á cruz, caracterizado polas longas orellas e a cabeza proporcionalmente grande. O pelo das crinas é curto, polo que estas son erectas. Emprégase, ou mellor empregábase, como animal de carga.
O macho denomínase garañón, nome que tamén pode recibi-lo cabalo semental.
Desde o punto de vista zoolóxico, é un animal mamífero, vivíparo, ungulado (dedos rematados en pezuñas), perisodáctilo (un único dedo nunha pezuña simple) e herbívoro. O burro actual procede da domesticación de dúas especies de asnos salvaxes norteafricanos, o asno salvaxe de Nubia (Equus asinus africanus), localizado entre a beira oriental do Nilo e o Mar Vermello, e o asno salvaxe de Somalia (Equus asinus somaliensis), localizado na península do mesmo nome.