Wikipedia:Artigo destacado/outubro 2016
O pingüín emperador (Aptenodytes forsteri) é unha especie de ave esfenisciforme da familia Spheniscidae, endémica da Antártida, sendo a máis alta e con máis peso de tódalas especies de pingüíns en existencia. Os machos e as femias son semellantes en plumaxe e tamaño, poden acadar entre 110 e 130 cm de altura cun peso de entre 22 a 45 kg. As costas, ás e cabeza son negras, a parte anterior é branca desde as pernas á barriga, o peito é dun ton amarelo pálido e ten dúas manchas á altura dos oídos dun amarelo brillante. Como todos os pingüíns non poden voar, ao ter ás ríxidas e planas e un corpo aerodinámico particularmente adaptado a un hábitat mariño.
Aliméntase principalmente de peixes, crustáceos e cefalópodos. Cando caza pode estar mergullado ata 18 minutos, e chegar a unha profundidade duns 535 metros. Desenvolveu varias adaptacións para facilitar este proceso, como unha hemoglobina cunhas características que lle permiten traballar de forma eficaz cun baixo contido de osíxeno, uns ósos sólidos para reducir o barotraumatismo, e unha capacidade de diminuír a actividade do seu metabolismo e deter as funcións de órganos non esenciais. É a única especie de pingüín que se reproduce durante o duro inverno antártico, facendo viaxes de entre 50 e 120 km sobre o xeo para chegar ás colonias de reprodución, que poden constar de miles de individuos. A esperanza de vida destes pingüíns é xeralmente duns 20 anos no seu hábitat natural, aínda que hai datos que indican que algúns exemplares poden vivir ata os 50 anos de idade.