Wikipedia:A Galipedia: dez anos e cen mil artigos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Wikipedia-logo-v2-gl 100 K.svg

Este venres día 8 de marzo a Wikipedia en galego celebrará 10 anos de traballo, e farao por todo o alto xa que o pasado día 4 se superou a cifra dos 100.000 artigos no proxecto. Foron moitas as persoas usuarias e colaboradoras anónimas que fixeron posible este dobre fito, o seu tesón e constancia foi mellorando día a día o proxecto, facendo que medrase e que alcanzase un nivel de calidade que non ten nada que envexar a outros proxectos similares.

Galipedia 10 - cartel.jpg

Na Galipedia pode colaborar todo o mundo, e tódalas colaboracións construtivas son benvidas, pois tódalas mans son necesarias para levar adiante este inmenso proxecto: conseguir un mundo no que cada ser humano poida compartir libremente a suma de todo o coñecemento e en galego. Queremos que cada vez haxa máis xente que achegue o seu coñecemento á Galipedia para así ter distintas visións da información e conseguir que os artigos sexan cada vez de maior calidade. Todos temos coñecementos dalgunha materia cos que podemos colaborar na Wikipedia en galego: lingua, historia, matemáticas, ciencia, música..., os campos de traballo son case infinitos, e cada un pode traballar nas áreas que máis lle interesen. Tamén se pode colaborar facendo e engadindo imaxes ós artigos, unha tarefa moi importante no proxecto, xa que unha imaxe axeitada fai que un artigo aumente a súa calidade. Case tódolos concellos de Galicia teñen a día de hoxe algunha imaxe, pero precísanse moitas máis que mostren todo o seu patrimonio cultural, natural e histórico.

E con ocasión disto, o vindeiro día 9, sábado, celebraremos unha intensa xornada, con diferentes conferencias e charlas, no Colexio Maior de Fonseca en Santiago de Compostela. Falaremos da Galipedia, de proxectos wiki, coñeceremos empresas galegas que usan licenzas similares á da Galipedia, e falaremos tamén de activismo cultural en Internet e de coñecemento libre e democracia. Toda a información está nesta páxina, o acto está aberto a todo o mundo ata cubrirmos a cota de asistencia.

Parabéns e grazas a tódolos colaboradores, ós que fan grandes artigos, ós que fan pequenos artigos, ós que soben novas imaxes, ós que revisan os cambios, ós que amañan erros ortográficos, ós que solucionan os problemas, e tamén a tódolos lectores que seguen o avance deste proxecto.