Welthauptstadt Germania
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2020.) |
Welthauptstadt Germania ('Capital mundial Xermania' en alemán) foi o nome que lle deu Adolf Hitler á proxectada renovación de Berlín, parte da súa visión para o futuro de Alemaña despois da prevista vitoria na segunda guerra mundial. Albert Speer, «o primeiro arquitecto do Terceiro Reich», deseñou moitos dos plans para reconstruír a metrópole, dos cales só unha pequena parte foron realizados antes da guerra.
O nome Welthauptstadt ('capital mundial') foi elixido porque se considerou que a arquitectura de Berlín dese momento era demasiado provinciana e que era necesario elevar a cidade á categoría doutras capitais do mundo coma Londres, Moscova, París ou Washington.
Algúns dos proxectos, como a creación dun eixe de leste a oeste da cidade, que incluía a ampliación de Charlottenburger Chaussee (hoxe Straße des 17. Juni), o aeroporto de Tempelhof e a colocación da Columna da Vitoria no centro de Berlín, foron realizados. Outros, coma a construción do Volkshalle ('Pavillón do pobo'), tiveron que ser cancelados polo comezo da segunda guerra mundial.
Arquitectura proxectada
[editar | editar a fonte]Avenida da Vitoria
[editar | editar a fonte]A capital alemá ía ser organizada ao longo dun bulevar de case cinco quilómetros de longo e 120 metros de ancho que levaría o nome de Avenida da Vitoria (Prachtallee).
Este novo eixo norte-sur serviría para organizar grandes desfiles, polo que durante estes actos o tráfico sería pechado e desviado a unha autoestrada subterránea que pasaría por debaixo da avenida. Algunhas seccións deste túnel foron construídas e aínda existen a día de hoxe.
Volkshalle
[editar | editar a fonte]O Volkshalle ('pavillón do pobo') ou Große Halle ('gran pavillón') estaría situado no extremo norte da avenida, nun gran foro aberto coñecido como Großer Platz, cunha superficie de arredor de 350.000 m².
De ser construído, sería o maior espazo pechado que xamais fose construído no mundo. A cúpula chegaría aos 200 metros de altura e 250 metros de diámetro, dezaseis veces máis grande ca da basílica de San Pedro.
Arco do Triunfo
[editar | editar a fonte]Cara ao extremo sur da avenida atoparíase un arco do triunfo inspirado no de París, pero moito máis grande, chegando a superar os 100 metros de altura.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Welthauptstadt Germania |