Usuario:Elisardojm/A3GAL/Carta Wikiclub

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Bos días, son Elisardo Juncal Muñiz, e póñome en contacto con vostedes en nome da asociación A3GAL, Asociación de Amigas e Amigos da Galipedia e o Coñecemento Libre, para propoñerlles a creación dun Wikiclub de editores da Galipedia na súa biblioteca.

Un Wikiclub de editores (https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Wikiclubs_de_editores_da_Galipedia) é un grupo de xente que se reúne para para aprender a editar artigos, organizar e coordinar as súas edicións nunha Wikipedia, realizar actividades de promoción, etc. O seu funcionamento é semellante ó dun club de lectura, a pertenza ó club é libre, teñen reunións periódicas e tarefas a realizar no tempo entre as mesmas.

Os membros do club aprenderán a editar artigos da Galipedia coa axuda dos organizadores e do resto de membros do club, así o grupo irá autoformándose.

Esta actividade sería voluntaria e totalmente gratuíta, ademais estaría aberta a tódolos usuarios da biblioteca, tanto mozos coma adultos.

Unha proposta de traballo para este Wikiclub podería ser crear, ampliar e mellorar a calidade dos artigos relacionados coa cidade da Coruña, traballo que podería ser o comezo dunha enciclopedia local dentro da propia Galipedia, a Coruñapedia, a semellanza da MonmouthpediA, a enciclopedia local da cidade de Monmouth, Gales.(https://en.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:GLAM/MonmouthpediA).

Este sería o primeiro club deste tipo en Galicia, e tamén sería un dos primeiros en España, e podería servir de inspiración para a creación doutros moitos nas diferentes provincias galegas. Os wikiclubs non son aínda moi coñecidos pero xa levan funcionando varios anos en países como Canadá, Australia, India, Francia ou Bélxica.

Para a realización desta actividade precisaríamos da súa axuda para poder usar a Aula CeMIT do seu centro, para a difusión da actividade nas súas diferentes canles de comunicación cos usuarios da biblioteca, para ter facilidades de acceso ós libros da biblioteca e ás bases de datos que teñan subscritas (moi importante para a achega de referencias ós artigos), etc.

A maiores, eu mesmo, como membro da asociación A3GAL, encargaríame de ensinar ós participantes como editar, como mellorar os artigos e de axudarlles cos meus coñecementos das Wikipedias e da Galipedia. Teño experiencia na realización de obradoiros de iniciación á edición e son un dos administradores da Galipedia. Realizaría esta tarefa coma voluntario da nosa asociación. Tamén podería dar algún obradoiro de iniciación á edición para o persoal da biblioteca que estivera interesado.

Se precisan máis información ou comentar calquera dúbida, podería reunirme con vostedes na biblioteca para ampliar os detalles desta proposta. Tamén poden contactar comigo por correo electrónico no enderezo XX, ou por teléfono en YY.

Saúdos,
Elisardo