Onza (masa)
A onza[1] (símbolo: oz) é unha unidade de masa usada desde a antiga Roma para pesar con maior precisión as mercadorías e outros artigos, especialmente se o seu peso era menor que unha libra romana. A onza aínda se usa frecuentemente nos países anglosaxóns, e antigamente o seu uso era máis estendido en toda Europa.
Orixe do termo
[editar | editar a fonte]A palabra onza provén do latín ūncia, derivada á súa vez do protoindoeuropeo *oinoko- (de onde tamén deriva único), forma sufixada da raíz *oino- (de onde tamén deriva un). A ūncia era a unidade fraccionaria empregada polos romanos, quen se servían de fraccións duodecimais; é dicir, significaba 'unha duodécima parte'. No contexto monetario, a uncia era a moeda de valor correspondente a 1/12 de ás. Pola súa banda, a onza de peso era 1/12 de libra (nótese que a libra de 16 onzas é posterior á de 12 onzas). As palabras inglesas ounce (onza) e inch (polgada = 1/12 de pé) derivan igualmente de ūncia.
Onzas anglosaxoas en uso
[editar | editar a fonte]Á onza chámaselle ounce en inglés, abreviada oz e de símbolo ℥ (Unicode Ou+2125). Actualmente só se usan dous tipos de onza:
- A onza avoirdupois (de uso común): é a dezaseisava parte dunha libra avoirdupois, e equivale a 28,349523125 (vinte e oito coma trescentos corenta e nove millóns cincocentos vinte e tres mil cento vinte e cinco) gramos, ademais de:[2]
- 437,5 grans
- 16 dracmas avoirdupois
- 0,0625 libras avoirdupois
- A onza troy (usada unicamente en xoiaría, ourivaría e numismática para pesar metais preciosos) é a doceava parte dunha libra troy, e equivale a 31,1034768 gramos, ademais de:
- 480 grans
- 20 pennyweights
- 8 dracmas troy
- 0,0833333333333333 libras troy
Existe outra unidade anglosaxoa en uso, chamada onza líquida (fluíde ounce, en inglés; abrevíase fl. Oz), que non é de masa senón de volume.
Onzas en desuso
[editar | editar a fonte]- A onza castelá equivalía a 28,7558 gramos, e estaba dividida en 16 adarmes; en farmacia, estaba dividida en 8 dracmas; e en ambos os casos, en 576 grans.
- A onza farmacéutica era utilizada nas farmacias e na farmacoloxía anglosaxoas. É a doceava parte dunha libra farmacéutica e equivale a 31,1034768 gramos, ademais de:
- 480 grans.
- 24 escrúpulos.
- 8 dracmas farmacéuticos.
- 0,0833333333333333 libras farmacéuticas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Onza.
- ↑ [1] Quimica para el nuevo milenio, pag 611, en Google libros
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Atmosfera (unidade)
- Joule
- Newton
- Caloría
- Pascal (unidade)
- Quilogramo
- Tonelada
- Unidade de masa atómica
- Nó (náutica)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Dicionario de unidades: a onza Arquivado 18 de agosto de 2018 en Wayback Machine., (en inglés).