Saltar ao contido

Ultimate Play The Game

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ultimate Play The Game
Tipomarca comercial
Data de fundación1982
Traballos destacadosBubbler
SedeAshby-de-la-Zouch
PaísReino Unido
editar datos en Wikidata ]

Ultimate Play The Game foi o selo comercial polo que era coñecida a compañía de videoxogos Ashby Computers & Graphics Ltd fundada en 1982 por dous antigos programadores para máquinas recreativas, os irmáns Tim e Chris Stamper. Ultimate foi a responsable de xogos de grande éxito para ZX Spectrum, Amstrad CPC. A súa sede estaba na vila de Ashby.

O primeiro xogo en ser lanzado foi Jetpac en 1983 que vendeu só na versión para Spectrum (16 k) 300.000 copias nun tempo no que había só un millón deses ordenadores, seguíronlle Pssst, Tranz Am e Cookie. O primeiro lanzamento para o Spectrum de 48 K foi Lunar Jetman en 1984, unha secuela do Jetpac, outro videoxogo que destacou foi Atic Atac, novidoso pola súa velocidade de desenvolvemento e por poder escoller personaxe, e a fin dese ano sae Sabre Wulf, o primeiro xogo da serie Sabreman, aos que seguiron Underwurlde, que empregou rutinas de intelixencia artificial para mover o personaxe, e Knight Lore, o primeiro no cal utilizou unha perspectiva isométrica, coñecida como Filmation, o que constituíu unha grande innovación na época e que permitía ter unha visión tridimensional de todas as pantallas polas que se pasaba, Alien 8 abundou nesta mesma liña. Gunfright realizouse cunha versión mellorada, Filmation II, que permitía un scroll multidireccional e con máis velocidade. En 1985 os irmáns Stamper venderon parte das súas accións a U.S. Gold e sacaron ao mercado Martianoids e Bubbler, que xa non realizaron eles senón un equipo de programadores de Ultimate, que tiveron escaso éxito, os Stamper tiñan o seu interese posto na realización de xogos para consolas e venderon o resto das accións e o catálogo a US Gold que podería seguir desenvolvendo xogos baixo o selo de Ultimate pero basicamente lanzou recompilacións dos éxitos anteriores, en 1987 US Gold deixou de editar software baixo o selo Ultimate. En 1988 ACG recomprou os dereitos vendidos a US Gold pero os novos videoxogos saíron baixo o selo Rare.