Tiroteo na escola de Viertola
![]() | Este artigo ou sección refírese a un tema de actualidade. A información fornecida aquí pode cambiar en calquera momento segundo avanza o evento, e os informes iniciais poden ser pouco fiables. Por favor, non achegues datos especulativos e lembra incluír referencias e citar as fontes. |

O tiroteo na escola de Viertola tivo lugar o 2 de abril de 2024 na sede de Jokiranta da escola de Viertola, na cidade de Vantaa (Finlandia). O perpetrador foi un neno de 12 anos que disparou a tres persoas da mesma idade, matando a un neno e ferindo de gravidade a dúas nenas.
Contexto
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Escola de Viertola.
A escola de Viertola é unha escola de ensino primario situada no barrio de Viertola, no distrito de Tikkurila, Vantaa.[1] A cidade de Vantaa é a cuarta cidade máis poboada de Finlandia con 242 819 habitantes en 2022 e forma parte do Gran Helsinqui.[2][3]
Os sucesos ocorreron en Finlandia, o país da Unión Europea con máis armas de fogo por habitante, e non foi o primeiro caso dun tiroteo nun centro escolar, tendo sucedido outros como o de Jokela e o de Kauhajoki nos anos 2007 e 2008 respectivamente, nos que morreron 20 persoas e que levaron a un endurecemento da lexislación sobre a posesión e uso de armas no país nórdico.[4][5][6]
A escola ten en 2024 ao redor de 800 estudantes e nela traballan unhas 90 persoas.[7] Na escola hai uns 40 alumnos e alumnas da denominada educación policlínica, destinada a nenas e nenos que precisan asistencia psiquiátrica infantil.[8]
Os sucesos
[editar | editar a fonte]Os sucesos comezaron pouco despois das 9:00, cando logo de escoitarse disparos, as nenas e nenos da escola foron encerrados nas aulas. Ás 9:08 a policía recibiu un aviso da escola, onde se presentou uns nove minutos máis tarde.[9][10] As autoridades policiais advertiu á poboación da zona para que non abriran as portas das súas casas a persoas descoñecidas antes de que atraparan ao sospeitoso dos feitos ao redor das 10:00 no barrio de Siltamäki, en Helsinqui, requisando ao mesmo tempo a pistola coa que presuntamente cometera os actos.[10]
Ás 13:00 a policía ofreceu unha conferencia de prensa para informar dos feitos.[9]
Na mañá do mércores 3 de abril a canle de televisión pública finlandesa Yle informaba de que o motivo do tiroteo fora o acoso escolar, citando fontes propias. Horas máis tarde a policía confirmaba esta información a través dun comunicado no que sinalaba:[11]
“ | Determinouse que o motivo dos actos fora o acoso. O sospeitoso afirmou durante os interrogatorios que fora vítima de acoso, e esta información foi tamén confirmada pola investigación preliminar da policía. | ” |
O neno que tería disparado contra outros alumnos da escola fora trasladado á escola de Viertola a principios do ano 2024.[11]
Consecuencias
[editar | editar a fonte]De acordo coa lexislación finlandesa o presunto autor non tería responsabilidade penal, xa que esta comeza cando unha persoa cumpre os 15 anos, polo que se considera que ao ter 12 anos non é plenamente responsable dos seus actos e non pode ser levado ante un tribunal. Ademais a policía non podería reter ao menor máis de 24 horas, polo que logo do interrogatorio o neno foi entregado aos servizos sociais.[12][13]
O caso abriu o debate sobre a rebaixa na idade na que unha persoa ten responsabilidade penal en Finlandia. En agosto de 2023 ministra do interior Mari Rantanen, do partido de ultradereita Perussuomalaiset, sinalou que o seu partido quería estudar a posibilidade de reducir a idade na que unha persoa ten responsabilidade penal.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Vantaa alueittain 2015 (PDF) (en finés). Cidade de Vantaa. p. 4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 8 de maio de 2016. Consultado o 3 de abril de 2024.
- ↑ "Vantaa lyhyesti" (en finés). Cidade de Vantaa. Consultado o 3 de abril de 2024.
- ↑ "Nimenvalinta: pääkaupunkiseutu, Suur-Helsinki ja Helsingin seutu" (en finés). kielitoimistonohjepankki.fi. Consultado o 3 de abril de 2024.
- ↑ Torralba, Carlos (3 de abril de 2024). "El ataque en un colegio de Finlandia: un suceso aislado en el país de la UE con más armas de fuego por habitante". El País (en castelán). Consultado o 4 de abril de 2024.
- ↑ Rantalainen, Tiia (8 de novembro de 2007). "Kaksi pientä lasta jäi ilman äitiä". Ilta Lehti (en finés). Consultado o 4 de abril de 2024.
- ↑ "Nuorukainen ampui kymmenen ihmistä Kauhajoella". Yle.fi (en finés). 23 de setembro de 2008. Consultado o 4 de abril de 2024.
- ↑ "Viertolan koulu" (en finés). Cidade de Vantaa. Consultado o 3 de abril de 2024.
- ↑ Bäckgren, Noona (3 de abril de 2024). "Epäilty ampuja opiskeli tavallisella luokalla". Helsingin Sanomat (en finés). Consultado o 3 de abril de 2024.
- ↑ 9,0 9,1 Karppi, Tiina (2 de abril de 2024). "Ampuminen Vantaalla Viertolan koululla: yksi oppilas kuollut, kaksi vakavasti loukkaantunut". Yle.fi (en finés). Consultado o 4 de abril de 2024.
- ↑ 10,0 10,1 Silvander, Lauri (2 de abril de 2024). "Alakoululaisten päivästä tuli painajainen – ”Kun ovi taas aukesi...”". Ilta Sanomat (en finés). Consultado o 4 de abril de 2024.
- ↑ 11,0 11,1 Happonen, Päivi (3 de abril de 2024). "Poliisi vahvistaa Ylen tiedot: Vantaan kouluampumisen motiivina on kiusaaminen". Yle.fi (en finés). Consultado o 3 de abril de 2024.
Teon motiiviksi on selvinnyt kiusaaminen. Epäilty on kuulusteluisissa kertonut joutuneensa kiusaamisen kohteeksi, ja tämä tieto on myös vahvistunut poliisin esitutkinnassa
- ↑ 12,0 12,1 Matintupa, Minna (2 de abril de 2024). "12-vuotias ei joudu vankilaan eikä saa syytettä, vaikka murhaisi jonkun – selvitimme, mitä epäillylle tapahtuu". Yle.fi (en finés). Consultado o 4 de abril de 2024.
- ↑ "El niño de 12 años que disparó contra tres de sus compañeros en Finlandia sufría acoso escolar". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de abril de 2024. Consultado o 4 de abril de 2024.