The Fame é o primeiro álbum de estudio da cantante de pop estadounidense Lady Gaga. Todas as cancións están escritas pola propia cantante, coa axuda dos produtores.
Debutou o 28 de outubro de 2008, chegando ó #2 na Billboard 200,#1 no Reino Unido e #3 en España. Recibiu boas críticas, sinalando moi positivamente o contido lírico do álbum e a capacidade vocal de Gaga. Gañador do Grammy a mellor álbum dance/electrónico en 2010, 'The Fame' ten vendido a día de hoxe máis de 15.000.000 de copias, converténdose así en disco de diamante e sendo o disco máis vendido da historia dixital nos Estados Unidos. En España ten vendido máis de 100.000 exemplares (disco de platino).
Gaga comezou a escribir este álbum en 2006, traballando con varios produtores (RedOne, Fusari, Kierszebaum). As cancións deste álbum están inspiradas, na súa maioría, no amor de Gaga á fama, e máis polo miúdo, ao estilo de vida da clase rica e famosa de Nova York. Musicalmente, ten influencias do electropop e synthpop da década dos anos 80, mesturando este estilos co dance. En canto ao título e concepto do álbum, a mesma Gaga explicou: The Fame é sobre como calquera se pode sentir famoso. A cultura pop é arte. A fama que canto no álbum é unha fama compartibel, quérovos invitar a todos á festa, quero que a xente se sinta parte deste estilo de vida.
O primeiro single foi Just Dance (8 de abril de 2008), foi a canción que deu a coñecer a Gaga internacionalmente, estaba no top 10 de máis de 30 países. Ten vendidos, ata a data de hoxe, 7.700.000 copias a nivel mundial. O segundo single foi Poker Face (25 de setembro de 2009). Esta canción foi #1 en 15 países e deulle un gran recoñecemento mundial a Gaga, converténdose na súa canción máis coñecida. Hoxe en día, as súas vendas sitúanse nos 10.000.000 de exemplares. Eh, Eh (Nothing Else I Can Say) foi lanzada como terceiro sinxelo do álbum en Suecia, Australia e Nova Zelandia (xaneiro de 2009). Máis tarde, sería lanzada en Francia. LoveGame foi seleccionada como o terceiro single mundial en marzo de 2009, acadando o top 5 nas principais listas mundiais. O último sinxelo extraído do álbum debut da neoiorquina foi Paparazzi en xullo de 2009. Esta canción contou cun impresionante vídeo dirixido por Jonas Akerlund e converteuse no cuarto número un de Gaga na lista estadounidense Pop Songs. Á par, Gaga saía a promover o disco nunha pequena xira que a levaría a percorrer pequenos escenarios de Europa e Norteamérica, o The Fame Ball Tour .