Tetra Brik

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un Tetra Brik de leite.

O Tetra Brik é un envase de cartón, plástico polietileno e aluminio, producido pola empresa sueca Tetra Pak. Ten forma de paralelepípedo e está composto por diferentes capas. O envase Tetra Brik é o máis coñecido e o máis vendido dos envases de Tetra Pak, até tal punto que algunhas persoas o consideran un nome xenérico, aínda que é unha marca rexistrada. O envase tetra brik pode atoparse tanto para produtos refrixerados como para produtos UHT baixo a denominación de Tetra Brik Aseptic.

Historia[editar | editar a fonte]

Cartón de leite Tetra Brik en 1963. Co tempo converteuse nun grande éxito para Tetra Pak, que actualmente está dominando o mundo en caixas de cartón aséptico do leite que non necesita refrixeración (pasteurizado).

O envase Tetra Brik introduciuse no mercado en 1963, após un longo proceso de desenvolvemento baseado no anterior envase Tetra Classic, que tiña forma de tetraedro.

Malia a revolución que supuxo o envase orixinal para que non se dane o leite, a finais da década de 1950, Ruben Rausing e o equipo directivo de Tetra Pak déronse conta de que o envase necesitaba un deseño rectangular e hexaedro para continuar sendo competitivo.[1] Despois de investir unha gran cantidade de diñeiro no seu desenvolvemento, en 1963 instalouse a primeira máquina de envasado Tetra Brik en Motala, no centro de Suecia.

O deseño rectangular do Tetra Brik pronto se converteu nun éxito de vendas en Suecia e en todo o mundo, por mor do seu uso eficaz do espazo e dos materiais e ao aumento da eficiencia na distribución e o almacenamento. Iso achandou o camiño para o éxito de Tetra Pak durante a década de 1970 e os anos sucesivos.[2]

Aspectos tecnolóxicos[editar | editar a fonte]

Por construción, os Tetra Briks son embalaxes lixeiras e compactas que se poden abrir sen utensilios e permiten illar os alimentos e conservalos en condicións óptimas. Componse de capas superpostas e pegadas entre si, de interior a exterior:

  • 2 capas de plástico.
  • 1 capa de aluminio.
  • 1 capa de cartón (procedente de celulosa virxe),
  • 2 capas de plástico polietileno.

Normalmente, a súa forma é un prisma rectangular que, no caso dalgúns produtos refrixerados, está coroado con outro prisma triangular. Existen outras formas, entre elas unha con perímetro de oito lados e outra en forma de bolsa.

O peche é unha peza plana de aluminio ou plástico que se pode arrincar coa unlla (ás veces cunha arandela para permitir arrincalo co dedo) e pode incluír un tapón da raia que permita volver pechalo (especialmente en produtos refrixerados).

Reciclaxe[editar | editar a fonte]

Un dos usos máis comúns é o almacenamento de alimentos para un só uso. Isto provoca un gran volume de desperdicio, aínda que existe tecnoloxía para a súa reciclaxe en diversos países. Posto que as capas que o compoñen non poden separarse a reciclaxe do tetra brik é incompleta. A técnica máis común consiste en trituralo primeiro para separar o cartón (aproximadamente un 70% do peso); posteriormente a restante masa de plástico e aluminio pode pasar por un complexo proceso de quentado no que o plástico é queimado e serve para formar lingotes de aluminio. En España xa non é posíbel reciclalo ao 100%: a única planta que podía facelo tivo que pechar ao non ser rendíbel.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Leander, Lars, Tetra Pak. A Vision Becomes Reality. A company history with a difference, Lund: Tetra Pak International (1996). ISBN 91-630-4789-6, pp. 113.
  2. Leander, Lars, Tetra Pak. A Vision Becomes Reality. A company history with a difference, Lund: Tetra Pak International (1996). ISBN 91-630-4789-6, p. 119.
  3. "Tetrabrik, el residuo que hoy ya nadie puede reciclar al 100% en España". Eldiario.es (en castelán).