Teoría das glotais

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A teoría glotálica pretende dar un marco explicativo alternativo á reconstrución tradicional do sistema das oclusivas do protoindoeuropeo. Entendemos por tal o que se pode ver na obra de Brugmann: Grundriß der vergleichenden Grammatik der indogermanischen Sprachen.

Segundo a teoría glotal, o indoeuropeo tiña oclusivas exectivas no canto de oclusivas sonoras. A teoría glotal desenvolvérona independentemente en Estados Unidos Paul Hopper e na Unión Soviética Tamaz V. Gamkrelidze e Vyacheslav V. Ivanov.

Mentres que os primeiros lingüistas, como André Martinet e Morris Swadesh viran as repercusións de substituír os sons glotais polas supostas oclusivas simples do protoindoeuropeo, a proposta quedou como unha especulación ata que Hopper na revista Glossa e Gamkrelidze e Ivanov na revista Phonetica fixeron públicos simultaneamente datos substanciais en 1937.

As series de oclusivas do indoeuropeo[editar | editar a fonte]

A reconstrución tradicional do indoeuropeo contén as seguintes oclusivas:

Oclusivas do protoindoeuropeo (tradicional)
CONSOANTES labiais dentais velares palatalizadas velares velares labializadas
oclusivas xordas p t k
oclusivas sonoras (b) d g
oclusivas aspiradas gʲʱ gʷʱ

/b/ leva paréntese porque, no mellor dos casos, era moi rara ou quizais nin existiu.

Hai unha serie de problemas con esta reconstrución:

  • Desde un punto de vista tipolóxico, se unha oclusiva sonora desaparece dun inventario de fonemas, normalmente tería que ser /g/ e non /b/. Se desaparece unha xorda, a labial /p/ sería o candidato máis probábel. (nunha lingua con exectivas o mellor candidato é /p’/ case universalmente).
  • Hai poucas linguas que teñan consoantes aspiradas aspiradas sonoras pero non aspiradas xordas.
  • O protoindoeuropeo non permitía que unha raíz comezase e rematase cunha oclusiva sonora, por exemplo, non hai raíces como */deg/ ou */ged/, isto tipoloxicamente é outra vez moi sorprendente. Tampouco non había a combinación dunha xorda e unha aspirada sonora. En terceiro lugar, unha oclusiva sonora era compatíbel plenamente con calquera das outras dúas series.

O motivo polo que este inventario ao principio se deu por bo foi accidental. Na proposta orixinal do indoeuropeo, había unha cuarta serie de oclusivas, as aspiradas /pʰ, tʰ, kʲʰ, kʰ, kʷʰ/, que se asumía que existiran por analoxía co sánscrito, que entón se pensaba que era a lingua indoeuropea máis conservadora. Aínda así, máis adiante déronse de conta que estas series non eran necesarias e xeralmente eran o resultado de varios factores contextuais:

  • valor expresivo.
  • secuencia consoante xorda + fonema laringal.
  • secuencia s + oclusiva xorda.[1]
Oclusivas do protoindoeuropeo (glotais orixinais)
CONSOANTES labiais dentais velares velares labializadas
oclusivas xordas p t k
oclusivas exectivas ou glotalizadas (p’) t’ k’ kʷ’
oclusivas sonoras b d g

Un sistema así é bastante común nas linguas de todo o mundo. Ademais, o sistema revisado explica a serie de peculiaridades fonolóxicas do sistema reconstruído.

Hopper (1973) tamén propuxo que a aspiración que se asumira nas consoantes sonoras bh, dh, gh poderíase atribuír a un disparo fonético secundario coñecido polos fonetistas como glotalización. Esta proposta fixo posíbel establecer un sistema no cal só houbese unha consoante sonora e á vez explicar as evolucións dos dialectos indoeuropeos posteriores (grego, latín e sánscrito) que indicaban a existencia dalgunha dirixe de aspiración nas series de sonoras. No seu artigo de 1973, Tamaz Gamkrelidze e Ivanov postularon a aspiración tanto nas oclusivas xordas como nas sonoras.

Ademais de tentar explicar a ausencia da oclusiva bilabial sonora simple *b na protolingua, a teoría glotal aclarou unha observación exposta durante moito tempo e sen explicación polos indoeuropeístas sobre a distribución das consoantes nas raíces das palabras. Notouse durante moito tempo que certas combinacións de consoantes non se atopaban representadas nas palabras indoeuropeas. En termos do sistema tradicional, eran as seguintes:

1. Ningunha raíz tiña unha secuencia de dúas oclusivas sonoras simples, é dicir, esquematicamente, non había raíces de tipo *deg.

2. Ningunha raíz tiña á vez unha oclusiva xorda e unha aspirada sonora, é dicir, non estaban documentadas as raíces do tipo *dhek o *tegh.

3. Por outra banda, as oclusivas sonoras simples eran compatíbeis con calquera das outras dúas series tanto *degh como dek.

Estas limitacións na estrutura fonolóxica da raíz non se poden explicar en termos dunha teoría da asimilación ou disimilación, dado que presentan unha diferenza radical de paradigma entre os dous conxuntos de consoantes -as oclusivas sonoras- que terían que comportarse do mesmo xeito. A teoría glotal proporciona unha explicación completamente coherente:

  1. En moitas linguas que teñen consoantes glotais hai restrición á aparición destas dúas consoantes na mesma raíz. Esta restrición atopouse en moitas de linguas de África, América e o Cáucaso.
  2. Se as "oclusivas sonoras simples" non fosen sonoras, entón as "oclusivas aspiradas sonoras" serían as únicas oclusivas sonoras. A segunda restrición de acordo con isto pódese reformular como: dúas oclusivas non glotais teñen que concordar en sonoridade.
  3. Dado que as oclusivas glotais atopábanse excluídas da oposición de sonoridade, estaban exentas da restrición de concordar en sonoridade de (2).

Gamkrelidze e Ivanov (1973) postularon que as dúas series non exectivas (as tradicionais *p *t *k e *bh *dh *gh) eran fundamentalmente aspiradas (é dicir, *ph *th *kh e *bh *dh *gh), pero tiñan alófonos non aspirados (é dicir, *p *t *k e *b *d *g). Segundo eles, as formas non aspiradas aparecían en raíces onde había dúas consoantes non exectivas por unha norma que prohibía máis dunha aspirada na mesma raíz. Para expresar a variabilidade da aspiración, Gamkrelidze e Ivanov transcribírono cun h en superíndice, por exemplo . Así un indoeuropeo DʰeDʰ (onde representa calquera oclusiva non exectiva) teríase que realizar como DeDʰ (documentada en indio e grego) ou como DʰeD (documentado en itálico). Pola contra, a teoría tradicional tería representado unha forma documentada tanto con DeDh como con DheD cunha hipotética forma indoeuropea DheDh. A avantaxe da interpretación de Gamkrelidze e Ivanov é que elimina un trazo nada corrente ou mesmo único do sistema de oclusivas indoeuropeo, dado que segundo Roman Jakobson todas as linguas que teñen aspiradas sonoras tamén teñen aspiradas xordas. Identificando as xordas non aspiradas do sistema de oclusivas tradicional (*p, *t, *k) como xordas aspiradas (*pʰ *tʰ *kʰ), Gamkrelidze e Ivanov restauraron as series desaparecidas.

Unha obxección a esta reconstrución é que as consoantes sonoras a miúdo son xordas nas linguas fillas; as aspiradas en grego e as fricativas xordas en latín, por exemplo. Mentres que é corrente que as aspiradas se volvan xordas non aspiradas e despois sonoras, como pʰ → p → b (lenición), o caso contrario é raro. Por iso as versións posteriores desta hipótese non teñen absolutamente ningunha consoante sonora, ou ben tratan a sonoridade como non distintiva. Desta maneira, un posíbel inventario sería este:

Oclusivas do protoindoeuropeo (recente)
CONSOANTES labiais dentais velares uvulares velares labializadas
oclusivas xordas p t k q
oclusivas exectivas ou glotalizadas (p’) t’ k’ q’ kʷ’
oclusivas aspiradas kʷʰ

(Así a dicotomía tradicional entre palatalizadas e velares simples trátase como un contraste velar-uvular, como postula Hopper 1981. Non o esixe a teoría glotal, e podería ser alofónico nun primeiro estadio da protolingua).

Decem e taihun[editar | editar a fonte]

En 1981 Hopper propuxo dividir todas as linguas indoeuropeas nos grupos decem e taihun, de acordo coa pronuncia do numeral 10, por analoxía coa isoglosa centum-satem, que se basea na pronuncia do numeral 100. As subfamilias armenia, xermánica, anatolia e tocaria pertencen ao grupo taihun porque o numeral 10 empeza coa xorda t. Todas as outras linguas indoeuropeas pertencen ao grupo decem porque o numeral empeza coa sonora d.

Obxeccións[editar | editar a fonte]

A obxección principal á teoría glotal é a dificultade para explicar como os sistemas fonéticos dos dialectos documentados derivaron dunha lingua nai tal. Se a lingua nai tiña un sistema tipoloxicamente inusual, como o tradicional p-b-bh, entón habería que esperar unha transformación nuns sistemas máis usuais, posibelmente con diferentes solucións nas diferentes linguas fillas, que é o que se atopa. Por exemplo, o indoiranio engadiu unha serie de aspiradas xordas (ph), gañando un elemento de simetría; o grego e o itálico enxordeceron a serie murmurada nunha aspirada máis común (bh a ph); o baltoeslavo deaspirou a serie murmurada nunha sonora (bh a b); e no xermánico e o armenio produciuse un cambio en cadea das tres series (p a f, bh a b, b a p). En cada caso, o sistema documentado representa un cambio que se podería esperar a partir da lingua nai proposta. Agora, se o sistema fose tipoloxicamente corrente, como propón a teoría glotal, entón habería que esperar que fose estábel e, por tanto, que se conservase en polo menos algunha das linguas fillas, cousa que non é o caso: ningunha lingua filla conserva sons exectivos onde a teoría glotal os postula. Segundo os partidarios desta teoría, se o protoindoeuropeo non tivese verdadeiras exectivas senón máis ben algún tipo máis inestábel de consoante glotal, a súa perda sería máis comprensíbel. Pero, incluso os sistemas "estábeis" mudan, e unha obxección baseada no que "habería" de pasar non pode realmente afundir unha reconstrución seria e doutra banda moi argumentada. En todas as reconstrucións de sistemas fonolóxicos leva a cabo unha comparación dos datos das linguas fillas e extrae unha protoforma común, sen declarar por adiantado que un cambio ou outro non é aceptábel.

Os contrarios á teoría glotal obxectaron que non se basea en ningún dato directo. Aínda que as consonantes murmuradas sexan pouco correntes, cando menos hai testemuños directos nas linguas indoarias (e é por iso, está claro, que se aduciron en primeiro lugar). A afirmación de Roman Jakobson de que non se coñece lingua ningunha que teña consonantes murmuradas e non teña aspiradas xordas é discutida por algúns lingüistas contrarios á teoría glotal; por exemplo, Robert Blust mostrou que un sistema de oclusivas xordas, sonoras e murmuradas, como o aducido na reconstrución tradicional do protoindoeuropeo, existe en kelabit, unha lingua das terras altas de Sarawak, en Borneo. Pero a diferenza do sistema revisado de oclusivas do indoeuropeo, o tradicional é, no mellor dos casos, unha rareza tipolóxica. En canto á carencia de "datos directos" aducida, a reconstrución de protolinguas a miúdo baséase en datos indirectos. Aínda na reconstrución tradicional do protoindoeuropeo, por exemplo, non hai ningún dato directo dunha oclusiva labiovelar aspirada sonora /gʷʱ/.

Algunhas persoas supuxeron que a teoría glotal representa un estadio temperán na historia do protoindoeuropeo, que evolucionou até o sistema tradicional do último protoindoeuropeo. Isto explicaría tanto as restricións na raíz en protoindoeuropeo como a perda total das consonantes glotais nas linguas fillas, pero deixaríanos unha protolingua cun sistema fonolóxico idéntico ao que se criticou, e tamén supón un período longo de evolución interna durante o cal, pola contra, o protoindoeuropeo sería uniforme antes de dividirse nas linguas fillas. Aínda que a teoría glotal ao principio fose polémica, algunha variante súa chegouse a aceptar maioritariamente hoxe en día. O motivo é que resolve enxeñosamente unha serie de problemas que non tiña previsto que resolvese, achegando, de feito, un certo apoio empírico. Por exemplo, en latín (lei de Lachmann) e tamén en baltoeslavo (lei de Winter), as vogais alónganse antes dunha consoante "sonora". Isto sempre fora unha cousa misteriosa. É o mesmo comportamento que presentan as vogais ante as laringais, as cales se acepta que conteñen unha oclusión glotal. Podería ser que as consonantes glotais fosen preglotalizadas, ou que fosen exectivas que se volveron preglotalizadas en itálico e baltoeslavo antes de perderen a glotalización e de volvérense sonoras. É moi corrente en linguas de todo o mundo con oclusivas glotais que alonguen as vogais precedentes. En quileute, por exemplo, VC’V, VʔC’V e VːC’V (como en ak’a ~ a’k’a ~ āk’a) son alófonos en variación libre.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cf. Adrados-Bernabé- Mendoza, pp. 198-202.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Charles M. Barrack, The Glottalic Theory revisited: a negative appraisal, Indogermanische Forschungen, 2002, p. 76-95.
  • Charles M. Barrack, The Glottalic Theory revisited: a negative appraisal.Part II:The typological fallacy underlying the Glottalic Theory, Indogermanische Forschungen, 2003, pp. 1–16.
  • Paul J. Hopper, "Glottalized and murmured occlusives in Indo-European." Glossa 7, 2, 1973, pp. 141–166.
  • Tamaz V. Gamkrelidze - Vjacheslav V. Ivanov, Indo-European and the Indo-Europeans, 2 volumes, Berlín e Nova York, Mouton de Gruyter, 1995.
  • Robert S.P. Beekes, Comparative Indo-European Linguistics. John Benjamins, 1995.
  • Anthony Fox, Linguistic Reconstruction, Oxford, 1995.
  • Adrados, Francisco Rodríguez & Bernabé, Alberto & Mendoza, Julia: Manual de lingüística indoeuropea I. Prólogo. Introducción. Fonética. Ediciones Clásicas. Madrid. 1995.