Talo (talófitas)
O talo é o corpo vexetativo non diferenciado en raíz, talo ou caule e follas, formado por tecidos pouco ou nada diferenciados, propio dos vexetais que, por iso, se denominan talófitas, como as algas, os fungos, os liques e as briófitas.
Os dous talos, ou o talo e o cuale?
[editar | editar a fonte]En latín científico o talo denomínase thallus, plural thalli, termo que provén da latinización do grego clásico θαλλός (thallós), que significaba orixinariamente 'gromo verde'.
Pero hai que ter en conta que o termo do latín científico thallus pode dar nas linguas románicas dous derivados, un pola vía popular, por exemplo, talo (en galego-portugués) ou tallo (en castelán), e outro pola vía culta, talo (en galego-portugués e castelán).[1] Polo tanto, nos textos de botánica adoita empregarse, en galego e portugués, para así diferenciar o termo talo, corpo vexetativo diferenciado das plantas superiores, as vasculares ou metáfitas do talo, corpo indeferenciado dos talófitos, o cultismo caule, derivado da tradución latina de θαλλός, caulis, -is.
Así, por exemplo, a estrutura dun organismo que semella un talo denomínase taloide, taliforme ou taloso, -a. Mentres que cando tratamos de particularidades das plantas vasculares falamos de caulescente (con caule ben aparente), caulícola (planta que se desenvolve sobre o caule ou unha póla doutro), caulificación (formación do caule), caulifloro (que bota as flores no caule ou nas ramas), cauliforme (que ten forma de caule) etc.[2]
Características
[editar | editar a fonte]Talo normalmente refírese ao corpo sinxelo dun organismo pluricelular no cal non hai diferenciación en tecidos biolóxicos nin, por tanto, en órganos.[3][4] Aínda que os talos non están organizados en distintas partes como as follas, raíces e talos ou caules que si teñen as plantas vasculares, teñen estruturas análogas equivalentes e con funcións similares, e ás veces tamén estrutura macroscópica similar, pero con diferente estrutura microscópica; por exemplo, este talo non ten tecido vascular.
Pese a que o talo ten unha anatomía en gran parte indiferenciada, poden verse algunhas diferenzas. Unha alga lamimaria, por exemplo, pode ter o talo dividido en tres rexións: unha de ancorado ou de suxeición, o estípite e unhas láminas que fan a fotosíntese.
O talo dos fungos normalmente denomínase micelio, formado por finísimos filamentos chamados hifas. Nos liques tamén o talo se refire ao corpo vexetativo. Nas algas mariñas os talos ás veces denomínanse fronda.
O gametófito dalgunhas plantas non talófitas, como os fentos e plantas relacionadas hepáticas, denomínase protalo (prothallus, en latín científico).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cf. Font Quer, P. (1993): Diccionadio de botánica, volume II, páx. 1026, Barcelona: Labor.
- ↑ Así, no VOLG, aínda que é un vocabulario sen definicións, é significativo que recolla os termos caule m, caulescente a, caulícolo m, cauliforme s e caulinar a.
- ↑ Strasburger, E. (1994): Tratado de botánica. Bareclona: Omega, 8ª ed., páx. 171.
- ↑ Haupt, Arthur W. (1953): Plant Morphology. New York: McGraw-Hill Book company, páx. 7.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Font Quer, P. (1993): Diccionario de botánica. 2 vols. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-335-0078-3
- Strasburger, E. (1994): Tratado de botánica. Barcelona: Editiorial Omega, S. A. ISBN 84-282-0979-0