Saltar ao contido

Skynet (satélites)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un Skynet 5.

Skynet é unha serie de satélites de comunicacións xeoestacionarios militares do Reino Unido que tivo o seu comezo en 1969.[1]

Características

[editar | editar a fonte]

Os satélites Skynet foron os primeiros en dar servizos de comunicación ao exército británico. Os primeiros estabilizábanse mediante xiro e formaron parte da iniciativa estadounidense IDCSP de satélites de comunicacións.[1]

Skynet 1A e 1B

[editar | editar a fonte]

As dúas primeiras unidades do sistema Skynet foron construídas por Philco Ford Space & Reentry Systems Division. A tecnoloxía de comunicacións estaba baseada na dos satélites IDCSP. Tiñan forma cilíndrica e estabilizábanse mediante xiro. Ambos foron lanzados mediante foguetes Delta M o 22 de novembro de 1969 e o 19 de agosto de 1970. Skynet 1A funcionou durante 36 meses, mentres que Skynet 1B non chegou á súa órbita definitiva debido a un problema no motor de apoxeo, quedando nunha órbita de transferencia elíptica.[2]

Skynet 2A e 2B

[editar | editar a fonte]

Os dous satélites Skynet 2 foron construídos por Marconi Space and Defence Systems con axuda de Philco-Ford. Tiñan unha masa duns 240 kg, eran cilíndricos e estabilizábanse mediante xiro. Usaban, ao igual que os Skynet 1, dous canais de comunicacións, un a 20 MHz e outro a 2 MHz. Skynet 2A foi lanzado o 19 de xaneiro de 1974, pero non chegou a órbita por un problema no seu foguete lanzador, un Delta 2313 que si conseguiu poñer no espazo a Skynet 2B o 23 de novembro de 1974.[3]

Skynet 4A, 4B, 4C, 4D, 4E e 4F

[editar | editar a fonte]

Os satélites Skynet 4 foron a terceira xeración de satélites Skynet. Usaban un transpondedor en SHF e un en UHF con dous canais, así como un tranpondedor en EHF a bordo de Skynet 4A para experimentos de propagación. Foron construídos por British Aerospace. Tiñan unha masa de entre 1250 e 1500 kg, estabilizábanse nos tres eixos e tiñan unhas dimensións de 2,1 x 1,4 m con paneis solares que lles daban unha envergadura de 16 m e producían 1200 W de potencia. Os seis foron lanzados con éxito entre 1990 e 2001 a bordo de foguetes Titan 3, Ariane 4 e Delta 7925, todos con éxito.[4]

Skynet 5A, 5B, 5C e 5D

[editar | editar a fonte]

Os satélites Skynet 5 melloran á anterior xeración proporcionando máis potencia e cobertura. Teñen masas de arredor de 4700 kg, estabilízanse nos tres eixos e usan o bus Eurostar 3000S. Os catro foron lanzados a bordo de foguetes Ariane 5 con éxito entre 2007 e 2012.[5]

Historial de lanzamentos

[editar | editar a fonte]
Misión[1][2][3][4][5] Data de lanzamento[1][2][3][4][5] Foguete lanzador[1][2][3][4][5] Notas[1][2][3][4][5]
Skynet 1A 22 de novembro de 1969 Delta M Éxito
Skynet 1B 19 de agosto de 1970 Delta M Éxito
Skynet 2A 19 de xaneiro de 1974 Delta 2313 Fallo
Skynet 2B 23 de novembro de 1974 Delta 2313 Éxito
Skynet 4A 1 de xaneiro de 1990 Titan 3 Éxito
Skynet 4B 11 de decembro de 1988 Ariane 4 Éxito
Skynet 4C 30 de agosto de 1990 Ariane 4 Éxito
Skynet 4D 10 de xaneiro de 1998 Delta 7925 Éxito
Skynet 4E 26 de febreiro de 1999 Ariane 4 Éxito
Skynet 4F 7 de febreiro de 2001 Ariane 4 Éxito
Skynet 5A 11 de marzo de 2007 Ariane 5 Éxito
Skynet 5B 14 de novembro de 2007 Ariane 5 Éxito
Skynet 5C 12 de xuño de 2008 Ariane 5 Éxito
Skynet 5D 19 de febreiro de 2012 Ariane 5 Éxito
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Mark Wade (2021). "SJ" (en inglés). Consultado o 7 de maio de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "Skynet 1A, 1B" (en inglés). Consultado o 7 de maio de 2021. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "Skynet 2A, 2B" (en inglés). Consultado o 7 de maio de 2021. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "Skynet 4A, 4B, 4C, 4D, 4E, 4F" (en inglés). Consultado o 7 de maio de 2021. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "Skynet 5A, 5B, 5C, 5D" (en inglés). Consultado o 7 de maio de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]