Sistema Integrado de Información Taxonómica
O Sistema Integrado de Información Taxonómica (SIIT), coñecido habitualmente pola súa sigla en inglés ITIS (Integrated Taxonomic Information System), é unha sociedade deseñada para que sexa a fonte que subministre unha información fiábel e consistente sobre a taxonomía das especies biolóxicas.
O SIIT creouse orixinalmente en 1996 como o «Sistema Interaxencias de Información Taxonómica», un grupo dentro do Goberno Federal dos Estados Unidos con implicacións de varias axencias, desde o propio Departamento de Comercio até a Smithsonian Institution. Actualmente é un organismo internacional, con axencias partícipes dos gobernos canadense e mexicano, e que colabora con outras axencias internacionais.
O ITIS axuda a elaborar unha base de datos completa e accesíbel de información taxonómica para cada unha das especies e outros taxons recoñecidos, incluíndo tanto o seu lugar no sistema xerárquico da clasificación científica como as referencias ás autoridades na materia que o situaron na súa posición taxonómica. As súas prioridades iniciais son as especies de Norteamérica, pero utiliza os resultados das investigacións internacionais. A súa base de datos pódese consultar na páxina oficial da organización en Internet.
A taxonomía biolóxica non é inamovíbel, e as opinións sobre o correcto status dun taxon a todos os niveis, e sobre a súa correcta situación, son constantemente revisadas, como resultado de novas investigacións, e moitos aspectos da clasificación permanecen sempre en cuestión. A base de datos do ITIS está posta ao día tanto como é posíbel, contando coas novas investigacións, e a información que manexa é a máis aproximada para representar un claro consenso das opinións taxonómicas máis actualizadas. Esta información non é, obviamente, definitiva, e probabelmente é máis fiábel para algúns grupos que para outros. Debe, de todos os modos, contrastarse con outras fontes dispoñíbeis, e coa literatura científica primaria en todo o posíbel.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial do ITIS (en inglés)
- Système d’information taxonomique intégré(SITI) na páxina do goberno do Canadá (en francés)
- Infraestrutura Mundial de información en Biodiversidade (GBIF) en España (en castelán) ou GBIF "Global Biodiversity Information Facility" (en inglés)
- "Species 2000" Arquivado 01 de xullo de 2014 en Wayback Machine. (en inglés)