The Sims

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sims»)

The Sims (en galego: Os Sims) é unha franquía de videoxogos estadounidenses de xénero de simulación social, que foi iniciada no ano 2000.

O xogo comeza pola creación dun ou varios personaxes que forman unha unidade familiar. Para proceder co xogo precísase mercar unha casa ou predio para que a familia resida nela. Unha vez dentro da vivenda, podemos decorar co “modo compra” ou incluso reformala co “modo construción”; unha vez que a teñamos ao noso gusto, comezaremos a dirixir aos nosos personaxes creándolles unha vida.

Creado por Will Wright no ano 2000, distribuído por Electronic Arts (Mac) e desenvolto por Maxis, este título foi lanzado orixinalmente só para PC (con sistema operativo Windows) no ano 2000, pero na actualidade conta cun total de 67 xogos multiplataforma para Xbox One, PS4, Android, Nintendo 3DS, iPhone (iOS), Xbox 360, PS3, Wii, PSP, NDS, N-Gage, Game Boy Advance, GameCube, Xbox, PS2 e, por suposto, mantense en PC.[1]

Dende o seu lanzamento, o xogo base vendeu máis de 15 millóns de copias, a franquía completa vendeu cerca dos 100 millóns de unidades, polo tanto convertese no campión de vendas da historia.[2]

Dende 1981, Will Wright conseguiría resultados similares co popular xogo SimCity e todos os seus sucesores. O éxito dos seus videoxogos baséase na súa filosofía creativa de aplicar teorías científicas para o deseño de simuladores de vida, xa sexa dunha cidade, un planeta, un formigueiro ou, como nos Sims, unha comunidade veciñal. No 2002, Os Sims logrou o récord mundial de vendas, un feito histórico no seu momento, vendeu máis de 6,3 millóns de copias e superou así o famoso videoxogo Myst.2.

Dependendo da versión de “Sims” que xogues, na Intranet poderás encontrar diversos trucos e códigos para facer máis sinxelo o xogo, xa que poderás aumentar os cartos dos personaxes, ascendelos no traballo, ou ata aumentar ao máximo as necesidades: descanso, fame, estado da vexiga ou diversión, entre moitos outros. Despois de que o xogo orixinal dos Sims saíra ao mercado, apareceron Os Sims 2, Sims 3 e Sims 4, con cadansúas expansións e recompilacións.

Os Sims conta cun total de catro recompilacións e sete expansións. Cada expansión aumenta sucesivamente o que os xogadores poden facer cos seus Sims, introduce máis criaturas e pódense crear mascotas, traballos, estacións, interacción, modos de xogo, obxectos e accesorios, ou mesmo pode acceder a cidades e mundos novos.

Expansións[editar | editar a fonte]

Os Sims: máis vivos ca nunca (The Sims: Livin' Large) - (agosto do ano 2000) Engadíronse máis obxectos, accións e habilidades dos Sims para interactuar cos veciños. Tamén novos traballos e temas de conversa.

Os Sims: Festa na casa (The Sims: House Party) - (marzo do ano 2001) Agora os Sims podían celebrar festas nos seus fogares, engadir novos obxectos temáticos á festa e engadirlles novas roupas. As novidades máis importantes eran unha discoteca, unha cabina de DJ, novos equipos de son, un touro mecánico etc.

Os Sims: Primeira Cita (The Sims: Hot Date) - (novembro do ano 2001) Por primeira vez, os Sims poden abandonar as súas casas, ir ao centro da cidade, ás discotecas ou aos restaurantes para gozar dunha cea romántica.

Os Sims: de vacacións (The Sims: Vacation) - (marzo do ano 2002)

Os Sims teñen varios destinos para ir de vacacións, como praias, montañas onde hai neve e bosques para acampar.

Os Sims: Animais a montóns (Os Sims: Unleashed) - (setembro do ano 2002) Permítelles aos Sims adoptar unha variedade de mascotas e expande o barrio, onde podes construír tendas, parques etc.

Os Sims: Super estrela (The Sims: Superstar) - (maio do ano 2003) Engade a Cidade Estudio, unha nova área onde os teus Sims poden traballar como cantantes, modelos ou actores, relaxarse ​​nos balnearios e coñecer xente famosa.

Os Sims: Facendo maxia (Os Sims: Makin' Magic) - (outubro do ano 2003)

Os teus Sims poden usar poderes e aprender maxia. Ademais, engádese un barrio máxico.

Recompilacións:[editar | editar a fonte]

Os Sims: Deluxe Edition (The Sims: Deluxe Edition) - 2002 Inclúe The Sims, Máis vivo que nunca, novos obxectos (de Deluxe) e O creador de The Sims.

Os Sims: Megaluxe (The Sims: Double Deluxe) - 2003 Inclúe The Sims, Máis vivos ca nunca, novos obxectos (de House Party e Megaluxe) e O creador de The Sims.

Os Sims: Gigaluxe (The Sims: Triple Deluxe) - 2004 Inclúe The Sims, Máis vivos ca nunca, novos obxectos (de House Party, Holiday, Deluxe, Megaluxe e Gigaluxe) e O creador de The Sims.

Os Sims: A colección completa (The Sims: Complete Collection) - 2006 Inclúe as sete expansións do xogo, recompiladas en DVD.

Xogos con posibilidade de xogar gratis[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]