Saltar ao contido

Señorío de Villena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo de Armas dos Manuel.
Extensión do Señorío de Villena en tempos de don Juan Manuel, por 1340.

A base territorial do señorío de Villena estendeuse por unha ampla comarca limitada polo norte co alfoz da Cidade de Cuenca e polo sur co termo da Cidade de Murcia. Este territorio estruturouse fundamentalmente en dous centros políticos: a Terra de Alarcón, ao norte, e a Terra de Chinchilla, ao sur. E, arredor deles, agrupáronse outras vilas con extensións máis reducidas, entre elas, Iniesta, a Terra de Jorquera, Hellín, Tobarra, Almansa, Yecla, Sax e Villena, que, a pesar de conferirlle o nome ao señorío, ocupou unha situación periférica respecto a todo o conxunto. O señorío experimentou durante a súa duración cambios conxunturais externos, debido a anexión temporal dalgunha poboación próxima, como o caso de Villarrobledo, Lezuza, Munera, Jumilla ou Utiel no século XV, ou tamén polas perdas doutras Vilas.

Este conxunto señorial ten unha dobre orixe histórica, por un lado as poboacións da Terra de Jorquera, Hellín, Ves, Tobarra, Almansa, Yecla, Sax e Villena, pertenceron ao infante Manuel de Castela no século XIII, unidas a outras vilas alacantinas, de aí o de denominar este territorio Terra de don Manuel. Por outro lado, o sector norte, a Terra de Alarcón e Iniesta, pertenceu ao reguengo durante o século XII e XIII, sendo incorporado ao señorío de Villena polo referido infante.

Formación do señorío

[editar | editar a fonte]

En 1252, ano no que Afonso X chega ao trono de Castela, o infante Manuel de Borgoña e Suabia, irmán de Afonso o Sabio, figurará a miúdo entre os seus conselleiros, como asinante de documentos reais. Afonso armarao cabaleiro, en 1254, e logo terá oficios e cargos da casa real. Cando foi nomeado alférez do rei, serviu tamén ao seu irmán como embaixador ante o Papa, co que aproveitou para gañarse a amizase da poderosa Orde de Santiago e intentou que Afonso X fora elixido emperador e, ao mesmo tempo, impedir, con notable éxito, os plans para o mesmo fin que tiña Ricardo de Cornualla. En xaneiro de 1261, o infante Manuel e a súa esposa, Constanza, afiliáronse como familiares á orde de Santiago, prometendo axudarlle a esta e ao seu mestre Paio Peres Correia, e facerse enterrar a si mesmos e os seus descendentes no Mosteiro de Uclés, onde levantaron unha capela. Moi probablemente, esta amizade co mestre Paio Peres, unida, desde logo, aos seus servizos á Coroa, valeulle a posesión de Elx, Crevillent, Aspe e o val de Elda, no reino de Murcia, ocupado quince anos antes, pero apenas poboado aínda por cristiáns; que lle foron recoñecidos polo rei en 1262, e que a partir de entón constituíron o núcleo máis forte das súas dispersas posesións. Algunhas referencias indican que Elda pertencíalle con anterioridade a este ano [1]

.

O feito é que, polo menos desde 1262, o infante Manuel é señor de pleno dereito de Elx, Crevillent, Aspe e de todo o val de Elda; e Adiantado do Reino de Murcia, ademais. Nese mesmo ano, na delimitación do bispado de Cartaxena, menciónase «Petrel e Sax e Villena e la tierra de don Manuel nuestro hermano como parte con la tierra del rey de Aragón, e Val de Ayora fasta Confruentes». A falta de documentación impide precisar as condicións nas que se produciu a entrega ó infante Manuel dos seus primeiros señoríos murcianos. Non é improbable, que como suxiren algúns historiadores, a mercede tivera un carácter de apanaxe, daquelas en voga nas cortes europeas; é dicir, confiarlle un dominio a un dos membros da familia real, con excepcionais facultades, que non obstante tería de reintegrase na coroa se faltara herdeiro varón.[2] Desde logo, a doazón non comportaría nin moito menos a soberanía, pero talvez si unha ampla xurisdición, da que Manuel abusaría sen dúbida, rodeándose dun cerimonial semellante ao dos reis, exercendo un poder omnímodo no cobro de tributos, repartindo herdades entre os seus vasalos etc.[1]

  1. 1,0 1,1 Aurelio Pretel Marín, Miguel Rodríguez Llopis (1998). Albacete: Instituto de estudios albacetenses "Don Juan Manuel" de la Excma. Deputación de Albacete, ed. El señorío de Villena en el siglo XIV. ISBN 84-87136-86-9. Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2016. Consultado o 15 de abril de 2012. 
  2. J.L. Pastor Zapata. Un ejemplo de apanage hispánico: el señorío de Villena (1250-1445), Rev. de I.E. Alicantinos, nº31, páx. 15-40.