Sachs Patera
Sachs Patera | |
---|---|
Imaxe de radar de Sachs Patera tomada pola sonda Magallanes. | |
Tipo de accidente xeolóxico | Patera |
Accidente xeolóxico de | Venus |
Diámetro | 65 km km[1] 40 km(ó longo do seu eixo máis longo, só é a depresión en si)[2] |
Profundidade | 130 m[2] |
Coordenadas | 49,1° N 334,2° E[1] |
Procedencia do nome | en honra a poeta xermana Nelly Sachs.[1] |
Sachs Patera é un patera situado no hemisferio norte de Venus. Definida coma unha caldeira descolgada, Sachs é unha depresión elíptica duns 130 metros de profundidade, e que ten uns 40 km de longo (só se inclúe a distancia dentro da depresión), vista a través do seu eixo máis longo.[2] A súa morfoloxía indica que unha caldeira con material magmático quedou baleira e a consecuencia disto a caldeira colapsouse sobre si mesma, formando unha depresión rodeada de escarpas concéntricas que están espazadas entre si entre 2 a 5 km. A forma de arco das escarpas, que se seguen estendendo cara ao norte onde existe un profundo alongamento da elipse da depresión (de aí o de caldeira descolgada), evidencian varias etapas distintas na drenaxe da caldeira magmática; a protuberancia que se pode ver no suroeste da caldeira podería ser un evento por separado do ocorrido coa depresión central.
Son tamén moi visibles os campos de lava de entre 10 a 25 km ó longo da caldeira (sobre todo no norte) e que lle dan un aspecto de flor á caldeira grazas ós seus regueiros finais. Estes campos e regueiros de lava aparecen nun gris claro na imaxe de radar xa que estas lavas teñen unha textura de mosaico (ou bloques), textura que fai que a lava devolva máis ondas de radar. Moita desta lava foi emitida dende a caldeira, algunha probablemente viaxando polo subsolo posiblemente a outras partes do subsolo, e inclusive, podendo saír á superficie moi ó sur da caldeira. Isto é bastante infrecuente nas caldeiras que existen na Terra, onde normalmente a saída da lava está moi próxima á caldeira.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Gazetteer of Planetary Nomenclature. "Planetary Names: Patera, paterae: Sachs Patera on Venus". Consultado o 17-11-2011.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 JPL/NASA. "PIA00473: Venus - Sag Caldera 'Sachs Patera". Consultado o 17-11-2011.