Saltar ao contido

Ronsel de condensación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ronsel dun Boeing 747.
Contravilo do avión

Os ronseis de condensación, tamén chamados cirrus homogenitus[1], son nubes con forma de liña, producidas polos escapes dos motores de aeronaves, especialmente avións a reacción que voan a altitudes de cruceiro a varios quilómetros por encima da superficie terrestre. Os ronseis de condensación están formados principalmente por auga conxelada en forma de cristais de xeo.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Ronseis de condensación sobre a Antártida.

Os ronseis de condensación son áreas de condensación que se orixinan por detrás dos escapes das turbinas dos avións, que forman cirros artificiais (por veces chamados ronseis de vapor). Tamén poden xerarse nos vórtices das ás destes avións, que precipitan unha corrente de cristais de xeo nunha atmosfera húmida e fría. Aínda que poida parecer o contrario, non provocan contaminación ningunha.

Os ronseis prodúcense cando hai unha presión moi baixa a unha grande altitude. Pero tamén se pode producir nos cazas ou nos avións supersónicos cando voan a pouca altitude, modificando a abertura das tobeiras.

Outros ronseis que se disipan moi axiña prodúcense nos extremos das ás. Debido á diferenza de presión entre a parte superior e a inferior das ás prodúcese unha corrente de ar nos extremos en forma de remuíño. Cando a diferenza de presión entre ambas as partes é maior (ascensos rápidos, bucles) o remuíño é forte abondo para crear un baleiro debido á forza centrífuga. Este baleiro provoca que o ar descenda rapidamente de temperatura e que o vapor se condense.

Os ronseis de condensación poden crearse de dúas maneiras:

  1. Os escapes do reactor incrementan a cantidade de humidade nesa zona da atmosfera, provocando que o seu contido de auga chegue ao punto de orballo. Iso causa a condensación do vapor producido ao queimar o queroseno, e forma o ronsel.
  2. As ás do aeroplano causan unha caída na presión do ar que as circunda (o que explica en parte que un obxecto máis pesado ca o propio ar consiga voar). Esta caída de presión provoca unha diminución da temperatura, causando que a condensación da auga do ar e a formación de ronseis, pero só a moita altura
  1. ""Aircraft condensation trails"". International Cloud Atlas. Arquivado dende o orixinal o 24/03/2017. Consultado o 24/3/2017.