Riwallon da Bretaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaRiwallon da Bretaña
Familia
PaiSalomão da Bretanha (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Riwallon da Bretaña (século IX), tamén escrito Rivalon ou Rivallon, foi un príncipe bretón fillo do rei Salomón I da Bretaña e da súa esposa Wembrit. É menos coñecido que o seu pai ou que o seu cuñado Pascweten.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

Riwallon leva o nome do seu avó paterno. Seu pai Salomon era curmán de Erispoe quen nun acto de 856 describe a "Salomon filii Riwallon" como "consobrino meo". Segundo Peter Le Baud, Salomon era "fillo de Riwallon, irmán de Nominoe". Este Riwallon era moi probabelmente cuñado máis que irmán de Nominoe, xa que os nomes utilizados na familia deste último (Nominoe, Erispoe, Conan) son totalmente diferentes dos da familia de Riwallon (Rivallon, Salomon, Guegon), cousa que parece demostrar, segundo as regras da onomástica medieval, que pertencían a dúas descendencias agnáticas diferentes.[1]

Príncipe bretón[editar | editar a fonte]

Durante o reinado de seu pai o rei Salomón I da Bretaña (857 - 874) Riwallon subscribiu numerosas actas do Cartulario de Redon, só ou conxuntamente co seu irmán máis novo Guegon (Wincon, Wigon)[2].

O último acto coñecido no que aparece está datado a 9 de xullo de 871[3]. Parece que faleceu pouco despois, xa que nun diploma do 10 de febreiro de 872 [4] menciónase só ao seu irmán "Vuigon filius ejus testis". En 873, segundo os Annales Bertiniani, é Wigon quen se encomenda a Carlos II o Calvo[5]. Finalmente, cando Salomón quixo abdicar en 874 considerou cederlle o trono a este mesmo fillo, o mozo Wigon.

A posteridade[editar | editar a fonte]

A documentación restante non ofrece información ningunha sobre un enlace de Riwallon ou a súa posíbel descendencia.

A lenda[editar | editar a fonte]

Moito máis tarde xenealoxías encargadas por familias nobres de Bretaña, desexosas de demostrar a antigüidade da súa liñaxe, vinculándoa aos reis do país e á época carolinxia, atribuíronlle a Riwallon, figura ben real pero case descoñecida, unha ampla posteridade. Estas afirmacións non descansan, por suposto, en ningún documento contemporáneo do personaxe.

Segundo esta literatura pseudohistórica, varias casas feudais bretoas descenden así de Riwallon. Aquelas das que "a filiación masculina, natural e lexítima é certa e establecida por fontes indiscutíbeis", son:

  • a casa de Acigné.
  • a casa de Châteaubriand.
  • a casa de Rohan.
  • a casa de Rougé.
  • a casa de Rieux.

"Cada unha destas terras principescas, independentemente das outras, foi transmitida aos descendentes masculinos de Riwallon, chamados 'os príncipes da Bretaña'.

A historia[editar | editar a fonte]

Na súa obra Joëlle Quaghebeur[6] revela, porén, que no século XI, Ongwen, filla dun tal "Riwallon de Crozon", que casara con Orscand, bispo de Cornualla (morto en 1064 ), irmán do conde Alan Canhiart, chamara ao seu segundo fillo co nome de Guegon (Wigon) e que un dos seus netos levaban o nome real de Salomón[7].

Parece, pois, que os nomes dos descendentes de Salomón I da Bretaña aínda foron transmitidos aos nenos pequenos das familias nobres daquela época, pode ser como sinal dunha descendencia en liña feminina.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Joëlle Quaghebeur La Cornouaille du IXe au XII siècle. p. 13
  2. No Cartulario de Redon: «Riuallon filii Salomonis, Wincon fratis ejus (acta CCXL de 29 de agosto de 868) & Riuallon et Guigon filii supradicti Salomonis, Riuallon et Guigon filii Salomonis (acta CCXLVII de 9 de xullo de 871) »
  3. Cartulario de Redon, carta CCXLVII pàg. 198
  4. Cartulario de Redon, carta CCLVII pàg. 207
  5. Annales Bertiniani: Ano 873 Salomon enviou cara a el os príncipes bretóns, ao seu fillo Wigon que foi encomendado a Carlos e lle prestou xuramento na presenza dos seus fieis
  6. La Cornouaille du Ixe al XIIè siècle, p. 132
  7. O primeiro foi deán dos cóengos da catedral de Kemper e o segundo arcediago de seu irmán e tío do bispo hereditario de Kemper, Bieito III (morto o 1113)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Joëlle Quaghebeur La Cornouaille du IXe au XII siècle. Mémoire, pouvoirs, noblesse. Presses Universitaires de Rennes 2002 ISBN 2868477437 .