O referendo sobre a independencia do Sudán do Sur celebrouse do 9 ao 15 de xaneiro de 2011[1] para decidir se a rexión debería seguir formando parte do Sudán ou converter ao Sudán do Sur nun novo estado independente.[2]. O referendo foi unha das consecuencias do Acordo de Naivasha entre o goberno central de Khartoum e o Movemento Popular de Liberación do Sudán en 2005[3]. Estaba previsto celebrar asemade un referendo en Abyei para decidir se quería ser parte do Sudán do Sur pero pospúxose debido a conflitos sobre a demarcación e dereitos de residencia.[4]
A comisión do referendo publicou o 7 de febreiro de 2011 os resultados definitivos, co 98,83 % dos sufraxios favorables á independencia.[5] En 10 dos 79 condados suspendéronse as eleccións por pasar do 100 % a porcentaxe de votantes, así e todo o número de votos superou o requirimento do 60 % de participación para dar por válidas as eleccións. O 9 de xullo o país proclamou a súa independencia.[6]