Principio de sucesión faunística

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
William Smith (1769–1839), o xeólogo inglés que definiu o principio de sucesión faunística.

O principio da sucesión faunística ou da correlación establece que o contido fósil das rochas sedimentarias varía verticalmente nunha determinada orde e que cada conxunto se pode identificar horizontalmente a distancias considerables polos seus fósiles. É dicir, en rochas de diferentes idades consérvanse fósiles correspondentes a organismos paleobiolóxicos diferentes (variación vertical) e para cada idade pódense identificar fósiles dos mesmos taxons en áreas afastadas (correlación horizontal). A base deste principio é a irreversibilidade da evolución biolóxica, unha vez que unha especie se extinguiu, non volve aparecer.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Este principio foi desenvolvido polo xeólogo William Smith, que traballou en Gales (c. 1800), onde elaborou a idea de que cada período da historia da Terra ten o seu particular rexistro fósil. Durante os seus traballos para a construción dun canal constatou que sempre se atopaba as sucesións de rochas na mesma orde de superposición e que cada grupo de estratos contiña os mesmos fósiles distintivos a través de todo o país. Encontrou que aínda que variase a composición litolóxica dos estratos, os da mesma idade contiñan os mesmos fósiles. Con isto creou as bases da aplicación da paleontoloxía á xeoloxía, é dicir, a «Paleontoloxía estratigráfica» e concluíu que os organismos cambiaran no tempo. Estableceu as bases da bioestratigrafía, utilizando os fósiles como ferramenta para caracterizar, subdividir e correlacionar estratos de rexións diferentes e, principalmente, ordenalas nunha secuencia temporal relativa. Está considerado como o creador da moderna estratigrafía.[2]

Precaucións na aplicación do principio[editar | editar a fonte]

Reelaboración tafonómica[editar | editar a fonte]

Estrato con fósiles reelaborados (laranxa). Aínda que se encontren xuntos, os organismos dos que proceden non viviron no mesmo tempo, os fósiles amarelos, reelaborados, son máis antigos que os laranxas.

A aplicación directa do principio de sucesión faunística aos fósiles foi criticado atendendo aos avances nos estudos tafonómicos. A orde cronolóxica dunha serie estratigráfica, na que se encontran fósiles, pode non responder á orde cronolóxica de cando viviron os organismos dos que proceden ditos fósiles. Noutras palabras, a orde establecida polo principio da superposición de estratos non ten por que se corresponder coa mesma orde de sucesión dos fósiles que conteñen nin, polo tanto, coa orde de sucesión biolóxica.

A reelaboración tafonómica é un proceso que pode dar como resultado que atopemos fósiles de idades máis antigas que as capas que os conteñen, e mesmo asociacións mesturadas de diferentes idades. Polo tanto, antes de abordar a sucesión temporal dos organismos (sucesión biolóxica) que deron lugar aos fósiles atopados nunha serie estratigráfica hai que establecer a sucesión temporal «corrixida» dos propios fósiles, discriminando as diferentes «familias» de fósiles con historia tafonómica común e establecer a orde de sucesión temporal entre elas (sucesión rexistrática).[3]

Taxóns lázaro[editar | editar a fonte]

Poden darse casos nos que o rexistro fósil dun determinado taxon presenta un significativo oco temporal sen fósiles dese tipo, como se se extinguise e volvese a aparecer («efecto lázaro»).[4] As explicacións de por que un taxon pode desaparecer dunha rexión adoitan ser ecolóxicas, por variacións nas condicións ambientais do medio, que volve ocupar unha vez desapareceron as causas do seu afastamento, ou por variacións nas condicións de produción de restos ou fosilización dos mesmos, que poden provocar un nesgo no rexistro fósil en detrimento de certos taxons.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vera Torres, J. A. (1994): Estratigrafía. Principios y métodos. Madrid. Editorial Rueda. 806 págs. ISBN 84-7207-074-3
  2. Winchester, S. (2001). The Map that Changed the World. William Smith and the Birth of Modern Geology. Nova York: HarperCollins. pp. 59–91. ISBN 0-06-093180-9. 
  3. Fernández López, S. R. (2000). Temas de Tafonomía. Departamento de Paleontología, Universidade Complutense de Madrid. 167 páxs.
  4. Fernández López, S. R. (2000). «La naturaleza del registro fósil y el análisis de las extinciones». Coloquios de paleontología, 51: 267-280
  5. López Martínez, N. e Truyols Santonja, J. (1994). Paleontología. Conceptos y métodos. Editorial Síntesis, S.A.. Col. Ciencias de la vida, 19. 334 páxs. ISBN 84-7738-249-2