Portaluvas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Portaluvas.

O portaluvas[1] é un compartimento do cadro dun vehículo que se encontra enriba do espazo destinado á colocación dos pés do copiloto. O seu nome deriva do seu propósito orixinal, isto é, gardar as luvas que se empregaban para conducir. Hoxe en día, porén, adoita almacenar todo tipo de obxectos.

Aínda que na meirande parte dos automóbiles o fecho simplemente evita que estea aberto, noutros presenta unha pequena fechadura con chave. Nalgúns modelos, o portaluvas ten unha pequena área para pousar vasos ou outros obxectos. En certos vehículos modernos é posible regular a súa temperatura permitindo, así, a súa utilización como refrixerador de bebidas.

Historia[editar | editar a fonte]

Cando se comezaron a fabricar os primeiros vehículos, considerábase necesario pór nas mans unhas luvas de condución. Unha das razóns era porque a maioría dos turismos non posuían un teito duro que evitase o efecto de arrefriamento provocado polo rápido movemento do ar e que podería adormecer os dedos do condutor. Por esta mesma razón os condutores de motos, quads e outros vehículos semellantes adoitan levar luvas.

Noutrora, os portaluvas contiñan luz no seu interior. Esta luz conectábase automaticamente cando se abría co fin de axudar a encontrar algún dos obxectos que contiña. No entanto, a partir do século XXI moitos fabricantes deixaron de incluír esta luz, mesmo en vehículos de luxo, para aforrar custos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Varios autores (2006). Gran Dicionario Século 21 da Lingua Galega. Galaxia. ISBN 978-84-8288-875-0.