Portal:Illa de Man/Lugar de interese/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Douglas (en manx: Doolish) é a capital e meirande cidade da Illa de Man, cunha poboación de 28.939 persoas (2011). Está localizada na desembocadura do río Douglas, nunha baía de 3 km. O río Douglas forma parte do peirao da cidade e do principal porto comercial.

Douglas era un pequeno asentamento ata o seu rápido crecemento como resultado da conexión co porto inglés de Liverpool no século XVIII. Ademais, o crecemento da poboación viuse favorecido pola industrialización do lugar no século seguinte. Como consecuencia disto, o goberno da illa, o Tynwald, foi trasladado en 1869 a Douglas dende Castletown. Os Tribunais Superiores tamén están na capital.

Douglas é o núcleo principal das actividades da illa, sendo a base para as empresas, finanzas, servizos legais, a pesca, o transporte e o entretemento. O TT Illa de Man de motociclismo comeza e remata en Douglas.