Portal:Fútbol/Artigo destacado/1
A chilena ou tiro de costas é unha técnica do fútbol que consiste nun salto de costas realizando un movemento de xiro coas pernas para golpear o balón no aire cara a atrás por riba do nivel da cabeza, sen apoiarse no chan. Na maioría de linguas esta manobra recibe o seu nome en base ó movemento que se asemella ó dun ciclista ou ó dunha tesoira. A súa complexidade e o feito de que sexa pouco común nos partidos competitivos de fútbol converteuno nunha das habilidades con máis sona do fútbol. A chilena pode usarse en defensa para despexar o balón da área de portería ou en ataque para disparar cara á portería do equipo contrario tentando marcar un gol. É unha técnica avanzada do fútbol que pode resultar perigosa para xogadores con pouca experiencia. O éxito desta técnica no fútbol profesional está habitualmente limitado ós xogadores máis experimentados e cunha maior capacidade atlética.
A técnica inventouse en América do Sur, probablemente a finais do século XIX, durante o período inicial do desenvolvemento do fútbol. As innovacións como a chilena foron o resultado de adaptacións locais ó estilo de fútbol introducido por inmigrantes británicos. A tradición popular no fútbol presenta varias lendas nos posibles orixes da chilena, e os arquivos de xornais de comezos do século XX evidencian unha historia complexa e multinacional da invención, nome e difusión da chilena. A controversia existente sobre a invención e nome desta técnica no Brasil, en Chile e en Perú, así como o seu status como elemento da notable rivalidade futbolística entre estes dous últimos, aumentaron a popularidade desta técnica na cultura popular.
Como técnica icónica do deporte, as chilenas son unha parte importante da cultura do fútbol. Executar unha chilena nun partido competitivo de fútbol, particularmente cando se consegue marcar un gol, adoita atraer unha grande atención no xornalismo deportivo. A chilena ten aparecido en obras de arte como esculturas, filmes, anuncios e na literatura. Esta manobra tamén se usa noutros deportes con balón, particularmente nas variantes do fútbol como o fútbol sala e o fútbol praia.