Portal:Cine/Biografía destacada/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sir Charles Spencer "Charlie" Chaplin, nado en Walworth (Londres, Inglaterra) o 16 de abril de 1889 e finado en Corsier-sur-Vevey (Suíza) o 25 de decembro de 1977, foi un actor, director de cine e compositor inglés que acadou a fama na era do cine mudo. Converteuse nunha icona mundial a través da súa personaxe "Charlot" (The Tramp en inglés, "O vagabundo"), e é considerado unha das figuras máis importantes da historia da industria do cine. A súa carreira abrangue máis de 75 anos, dende a súa nenez na época vitoriana ata un ano antes da súa morte ós 88 anos.

A súa primeira longametraxe foi The Kid ("O neno", 1921). Rexeitou adaptarse ó cine sonoro durante a década dos anos 1930, producindo filmes sen diálogo. A década de 1940 estivo marcada polas controversias e a súa popularidade decaeu rapidamente. Foi acusado de ter simpatías comunistas e de casar con mulleres moito máis novas ca el, ó tempo que sufriu un escándalo de paternidade. O FBI abriulle unha investigación, e Chaplin foi forzado a deixar os Estados Unidos e asentarse en Suíza.

Chaplin escribiu, dirixiu, produciu, editou, protagonizou e mais compuxo a música de moitos dos seus filmes. Os seus primeiros filmes caracterízanse polo estilo slapstick combinado co pathos, tipificados nas andainas de Charlot contra a adversidade. Así mesmo, nos seus filmes trataba temas políticos, sociais e autobiográficos. En 1972, como parte dunha renovada apreciación do seu traballo, recibiu un "Oscar honorífico" polo "incalculable efecto na arte de facer filmes durante este século".