Portal:Celtas/Lugar de interese/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dalriada ou Dál Riata foi o reino da tribo dos escotos existente no norte de Irlanda e na costa oeste de Escocia desde a fin do século V ata mediados do século IX. O derradeiro rei de Dalriada, Kenneth MacAlpin conseguiu unificar o seu reino co dos veciños pictos dando lugar ao reino que sería coñecido a partir de entón como Alba ou Escocia.

Tradicionalmente considérase que na fin do turbulento século V, mentres o Imperio Romano de Occidente sucumbía ante a presión dos pobos bárbaros, un extenso clan irlandés chamado Dalriada ocupaba a costa oeste da actual Escocia (onde actualmente está o Condado de Argyll) e establecía un reino. Os dalriadanos proviñan do norte da Irlanda, do Ulster e máis precisamente do Reino de Oriel. Os romanos chamaban escotos aos piratas e saqueadores de orixe irlandesa que falaban gaélico, de onde se explica porque os dalriadanos serían coñecidos posteriormente por este nome latino, que sería a orixe etimolóxica da denominación de Escocia.