Portal:Bután/Lugar de interese/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Thimphu (en dzongkha ཐིམ་ཕུ་), ou tamén Timbu, é a capital de Bután. Situada nun alto val do oeste do país, a 2.350 m.s.n.m., con 98.676 habitantes (2005) é a maior cidade do pequeno estado. É tamén a capital do distrito que leva o seu nome. Á parte de ser a residencia do goberno e do monarca, é tamén a sede estival do Je Khenpo, a autoridade relixiosa do país.

A urbanización da localidade comezou en 1961, cando Thimphu foi proclamada capital nacional, substituíndo a anterior capital, Punakha.

A cidade esténdese polos outeiros occidentais do val do río Wang Chhu, co barrio gobernamental centrado arredor de Tashichoedzong, unha fortaleza do século XIII. Está rodeada de fragas que lle outorgan un aspecto de cidade verde. A rápida expansión subseguinte ao éxodo rural levou a remodelar o centro urbano, mentres, por outra banda, proliferaron os arrabaldes.

Norzim Lam é a arteria principal e está bordeada de tendas, restaurantes, comercios de venda polo miúdo, acompañados de arquerías, soportais e edificios públicos. Outramente, hai unha mestura de edificacións, con casas e almacéns de tipo familiar, aínda que as ordenanzas fixan que todas as construcións deben estar deseñadas no estilo tradicional, con pinturas e motivos decorativos budistas. No fin de semana, un mercado que ten lugar preto do río, fornece de carne e legumes, xunto con artigos turísticos.