Pistis Sophia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Pistis Sophia é un importante texto gnóstico que os estudosos datan entre 250 e 300 EC e relata as ensinanzas gnósticas dun Xesús transfigurado aos seus apóstolos (incluíndo María Madalena, María, nai de Xesús e Marta) cando Xesús Cristo resucitado pasou supostamente once anos falando cos seus discípulos. Nel aparecen as xerarquías e estruturas complexas das familias das ensinanzas gnósticas.

O título Pistis Sophia (Πίστις Σοφία) non aparece en ningures como o título dos textos. O nome púxoo por erro Karl Gottfried Woide, estudoso da Biblia e unha das primeiras persoas en examinar en profundidade o códice. Inda que o título é erróneo consérvase desde entón. O coptoloxista Carl Schmidt suxire Τεύχη τοῦ Σωτῆρος (libros do salvador) como alternativa. O termo Pistis Sophia é escuro e ás veces tradúcese como Sabedoría da Fe, Sabedoría na Fe ou Fe na Sabedoría. Unha tradución máis axeitada, tendo en conta o contexto gnóstico, é A Fe de Sophia, sendo a Sophia do gnosticismo unha sizixia divina de Cristo, máis que unha palabra que significa sabedoría. Nunha versión anterior e máis simple dunha Sophia, no Códice de Berlín e tamén nun papiro de Nag Hammadi, Exipto, o Cristo transfigurado explica Pistis dunha maneira algo escura:

De novo, o seu discípulo dixo: Dinos claramente, como baixaron das invisibilidades, do inmortal ao mundo que morre?
O perfecto Salvador dixo: O Fillo do Home púxose de acordo con Sophia, a súa consorte, e revelou unha gran luz andróxina. O seu nome masculino é designado 'Salvador, proxenitor de todas as cousas'. O seu nome feminino é designado 'Todo-proxenitora Sophia'. Algúns a chaman 'Pistis'.

O Pistis Sophia consérvase nun só manuscrito copto de 346 páxinas escrito en dialecto tebaico. Este Códice Askew atópase na British Library.