Palapa (satélites)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Palapa A2»)
Lanzamento de Palapa B-2.

Palapa (Unidade nacional) é unha serie de satélites de comunicacións indonesios.[1]

Características[editar | editar a fonte]

Os satélites Palapa comezaron sendo propiedade do goberno de Indonesia. O primeiro Palapa lanzouse en 1976 e o último en 2020.[1]

Palapa A1 e A2[editar | editar a fonte]

Os dous primeiros satélites Palapa usaban o bus HS-333D, estabilizábanse mediante xiro, foron construídos por Boeing e eran idénticos aos satélites Anik A e Westar. O goberno indonesio, mediante dous contratos, encargou a Boeing tanto a construción dos satélites como dunha estación de control e nove estacións terrestres. Outras compañías construíron 30 estacións adicionais, todo controlado e operador pola compañía de telecomunicacións gobernamental PERUMTEL. Os satélites Palapa A tiñan unha masa de 574 kg e levaban 12 transpondedores en banda C a bordo. Palapa A1 foi lanzado o 8 de xullo de 1976 e Palapa A2 o 10 de marzo de 1977, ambos mediante foguetes Delta 2914.[2]

Palapa B1, B2, B2P, B2R e B4[editar | editar a fonte]

Os Palapa B foron a segunda xeración de satélites Palapa. Usaban o bus HS-376 e estabilización mediante xiro e tiñan unha masa duns 1200 kg. Lanzáronse catro Palapa B entre 1983 e 1992, un (Palapa B2P) substituíndo a un que fallou parcialmente (Palapa B2). Palapa B1 e Palapa B2 foron lanzados mediante o transbordador espacial Challenger en 1983 e 1984, mentres que Palapa B2P, Palapa B2R e Palapa B4 foron lanzados mediante Delta 3920, Delta 6925-8 e Delta 7925 respectivamente en 1987, 1990 e 1992. Palapa B1 foi renomeado posteriormente Palapa Pacific 1, mentres que Palapa B2P pasou a ser Agila 1 e Palapa B2R NewSat 1.[3]

Palapa C1 e C2[editar | editar a fonte]

Os dous satélites Palapa C foron os primeiros satélites de comunicacións Palapa estabilizados nos tres eixos. Usaban o bus HS-601 e tiñan unha masa de 3000 kg, cada un con 30 transpondedores en banda C e 4 transpondedores en banda Ku a bordo. Foron lanzados en 1996 mediante foguetes Atlas 2AS e Ariane 4 respectivamente. Palapa C1 foi renomeado HGS 3, Anatolia 1 e finalmente Paksat 1.[4]

Palapa D[editar | editar a fonte]

Palapa D era un satélite de 4100 kg de masa construído co bus Spacebus-4000B3 por Thales Alenia Space. Levaba 35 transpondedores en banda C e 5 en banda Ku. Foi lanzado o 31 de agosto de 2009 pero un fallo do foguete portador, un CZ-3B, deixouno nunha órbita máis baixa da prevista. O satélite chegou á órbita xeoestacionaria polos seus propios medios pero a costa dun tempo de vida útil reducido.[5]

Palapa N1[editar | editar a fonte]

Palapa N1 foi lanzado para substituír a Palapa D. Tiña unha masa de 5550 kg e usaba o bus DFH-4. Non chegou a órbita por fallo do foguete lanzador, un CZ-3B.[6]

Historial de lanzamentos[editar | editar a fonte]

Misión[1][2][3][4][5][6] Data de lanzamento[1][2][3][4][5][6] Foguete lanzador[1][2][3][4][5][6] Notas[1][2][3][4][5][6]
Palapa A1 8 de xullo de 1976 Delta 2914 Éxito
Palapa A1 10 de marzo de 1977 Delta 2914 Éxito
Palapa B1 18 de xuño de 1983 Transbordador espacial Challenger Éxito
Palapa B2 3 de febreiro de 1984 Transbordador espacial Challenger Fallo parcial
Palapa B2P (Agila 1) 20 de marzo de 1987 Delta 3920 Éxito
Palapa B2R (NewSat 1) 13 de abril de 1990 Delta 6925-8 Éxito
Palapa B4 14 de maio de 1992 Delta 7925 Éxito
Palapa C1 (HGS 3, Anatolia 1, Paksat 1) 1 de febreiro de 1996 Atlas 2AS Éxito
Palapa C2 16 de maio de 1996 Ariane 4 Éxito
Palapa D 31 de agosto de 2009 CZ-3B Fallo parcial
Palapa N1 9 de abril de 2020 CZ-3B Fallo

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Mark Wade (2020). "Palapa" (en inglés). Consultado o 30 de decembro de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Palapa A1, A2" (en inglés). Consultado o 30 de decembro de 2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Palapa B1, B2, B2P, B2R, B4 / Palapa Pacific / Agila 1 / NewSat 1" (en inglés). Consultado o 30 de decembro de 2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Palapa C1, C2 / HGS 3 / Anatolia 1 / Paksat 1" (en inglés). Consultado o 30 de decembro de 2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Palapa D" (en inglés). Consultado o 30 de decembro de 2020. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Palapa N1 (Nusantara 2)" (en inglés). Consultado o 30 de decembro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]