Saltar ao contido

Os señores da Pena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os señores da Pena
Título orixinalOs señores da Pena
Autor/aRicardo Carballo Calero
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Narrativa
EditorialEdiciós do Castro
Data de pub.1984
editar datos en Wikidata ]

Os señores da Pena é unha obra narrativa de Ricardo Carvalho Calero, publicada en 1984 na Narrativa completa[1], mais escrita con anterioridade.

  • 1. Prólogo. Nun serán acougado o señor, don Valentín, contempla a paisaxe desde a solaina do pazo. Pasa o médico, don Salustiano, que vai atender o parto da filla do ferreiro das Pías.
  • 2. Filemón e Baucis. Don Valentín e a súa dona, dona Leonor, el pensa facer testamento. O señor lembra cando seus pais lle deixaron a el, que era fillo único, e como se foi mellorando o patrimonio familiar. Na grandeza actual ten moito que ver a achega e o traballo da señora. Mais os fillos xa non pensaban igual, cando falaban das terras era para valoralas en venda.
  • 3. A filla. A Vicentiña era a cruz dos dous vellos. Sempre fora calada e pouco riseira. Non brincaba cos outros meniños. Aprendeu ela soa a ler, era tan intelixente que os pais a mandaron cos tíos estudar a Madrid. Fixo unha carreira mais volveu á casa e pasaba os días pechada no cuarto lendo e escribindo. Non falaba con ninguén nin saía.
  • 4. A cruz. Os caseiros e labregos aproveitaban as horas do xantar para viren falar cos señores e sobre todo para ver a Vicenta de paso, que xa tiña fama de ser moi rara. Por iso dona Leonor mandoulle xantar no seu cuarto. Así non saía para nada e a nai xa non aturaba a situación. Ata un día a señora escoitou como un cativo dicía: Olla para aquel balcón. É o da tola... [2]
  • 5. O herdeiro. Dispuxeron que o herdeiro fose o fillo cura, porque era o máis vello e como non tiña fillos miraría polos irmáns. Para el a mellora. Para a filla a lexítima curta, o mínimo que permite a lei, e se casase que se puidese apartala con cartos. Para os outros dous fillos, a casa da capital e o casarío que dona Leonor herdara dos seus pais.
  • 6. A morte e o frío. Morreu de súpeto o señor, don Valentín. A filla desde aquela meteuse na casa sen saír nada e só tiña frío, non pedía máis ca mantas.
  • 7. A vida segue. Dona Leonor bota man do goberno da casa ata que o fillo crego colleu o curato da aldea e foi tomando as rédeas da casa e a facenda. O don Bieito gobernaba todo moi ben polo dicir das xentes. E a casa seguía medrando coma a escuma[3].
  • 8. Intermedio. Solpor, antes da cea. Descrición do crego don Bieito: ollos severos, entrecello francido, boca fina e queixo agudo e forte[4]. Pasan os labregos cos carros cargados cantando. Saúdan con respecto o crego que vai cear.
  • 9. A sobriña. Morto o irmán na cidade, o Antonio, á viúva quédanlle catro fillas mozas e dous nenos. O tío cura vai botando man de todos e trae unha das sobriñas para a casa que lle axuda a gobernala. Mais vén o tempo de casala, como pide a nai. O cura non ten présa e a rapaza anda da aldea para a capital no tren. Protéstalle ao tío porque ela merecía máis, el non lle fai caso. A moza aproveita as viaxes para levar todo o que pode da casa do tío. A xente tamén empeza a murmurar dela, coma da tía.
  • 10. A herdanza de don Bieito. E levando e rosmando pasoulle a mocidade á sobriña. Chega o tempo de que o crego testase e quere facelo sen partir a casa. Ao morrer a Vicenta o cura xa lles dera os cartos da súa parte ao irmán e sobriños, e entráralles o gusto polos cartos. El estaba orgulloso de que conservara a casa dos pais e atendera ben as necesidades da familia. Mais non conseguía saber a que sobriño deixarlle a mellora para que a casa non se partise, ás sobriñas non as consideraba porque traerían maridos de fóra, que non eran da casa e non dubidarían en vender e coller os cartos.
  • 11. Daniel. Era fillo dun labrego de boa casa, mais o pai non tiña cartos para o estudar porque o rapaz sempre foi moi intelixente e mirou por saír de traballar na terra. Foise metendo na casa da Pena e acabou axudando en todo ao crego. Foi testemuña de como a sobriña se incomodaba coas visitas familiares que non facían máis ca levar e o resto da familia tamén a criticaba a ela por como os recibía. Por fin un día don Bieito chama o sobriño máis vello e comunícalle que para el vai ser a casa toda e as terras de arredor, para os demais o resto a partes iguais. Debe mantelo en segredo e ten a obriga de conservar sempre o legado familiar. A vida seguiu decorrendo na casa como se nada tivese pasado, e nen sequer con Daniel, que lle servirá de testemuña, voltou don Bieito a falar do seu testamento. [5].
  • 12. Cismador. Cisma, pensa Daniel na desgraza de ter nacido noutra casa, se el fose o sobriño do cura e herdase moito medraría a casa, cantas melloras e innovacións faría! Non hai dereito a que un sobriño só pola nacenza teña dereito a todo, sen facer nada. Non fai vida social e a xente veo coma un soberbio, pero a sobriña, a Ermitas, si o considera fino e asisado. Don Bieito: nen labrego nen señor. Esta é a desgraza da nosa terra: que só fican nela os que non serven para outra cousa[6].
  • 13. Dialoghi d´amore. Chega Daniel antes de volver o cura da misa. Escoita do outro lado da sebe a Ermitas, ela dille que non mire xa que se acaba de meter na auga, que deixe que se vista, que non pode vela así co cabelo mollado… que… Daniel pensa que aínda é muller para ter un fillo, que ten unha boa herdanza, que paga a pena. E desde ese día seguen a producirse os encontros no mesmo sitio.
  • 14. Derradeira vontade. Don Bieito ponse mal e Daniel e Ermitas chaman o notario para que o vello cambie o testamento a favor dela, o cura xa non fala só move os ollos. Daniel tramouno ben: facerlle a mellora a ela deixando algo a todos para que non se poñan en contra dela. Ante a morte do vello chaman a familia e o suposto herdeiro. Ermitas xa vai pensando que os apartará con cartos.
  • 15. Palabras ao pé dun morto. Morto o cura, Daniel comunícalle ao suposto herdeiro que vai casar con Ermitas, el alégrase e confésalle que moito mellor, porque pensa poñela pronto fóra da casa. E ben alleio do que feito estaba, o que ja se julgaba dono daquela casa deixou ao Daniel, que se ria para os seus adentros cavilando na cara que poria o coitado señor cando os papeis falasen[7].
  • 16. Epílogo. Á tardiña, na solaina está a tomar o fresco o señor da Pena, home duns corenta anos. Pensa no que se fai e no que se vai facer, controla a casa e a facenda. Pasan os criados e os animais, que o saúdan con respecto: Boas tardes lle dé Deus, señor; santas e boas… Deus llo pague, que todo o que toque se lle faga de ouro, don Daniel[8].

Narración

[editar | editar a fonte]

Narrador tradicional: heterodixético, en terceira persoa e omnisciente.

Un único espazo: a casa dos señores da Pena. Hai referencias á vila e á familia de Madrid.

Tempo indeterminado. Comeza e remata cun serán no que señor da Pena contempla a paisaxe e o seu señorío. Coñecemos a tres xeracións de señores da Pena: don Valentín, don Bieito, Ermitas-Daniel.

Personaxes

[editar | editar a fonte]
  • Don Valentín. O señor da Pena, fidalgo tradicional que recolle o legado dos seus pais e aproveita para melloralo. Ante o testamento, prefire mellorar o cura para asegurar a herdanza.
  • Dona Leonor. A señora da Pena, muller traballadora pola familia.
  • Vicenta: moi intelixente pero sumida na súa soidade e illamento.
  • Don Bieito. O crego e señor da seguinte xeración. Mira por toda a familia e procura manter o encargo de seus pais. Dubida no testamento, mais segue a tradición: mellorar o máis vello dos sobriños.
  • Ermitas, a sobriña do cura e neta de don Valentín. Fai as funcións de señora da casa e de sobriña de cura gobernanta. Non está contenta co trato que lle dá o tío na casa.
  • Daniel, o mozo labrego. Traballador e intelixente. Ve nos amores con Ermitas a posibilidade de se converter tamén en señor, de ascender na clase social.

Características

[editar | editar a fonte]

Na edición de 1984 sinálase:


“Os señores da Pena” era un texto constituído por materiais para elaborar, apenas apontamentos que recollian –en parte cuase con fidelidade de notário- relatos ouvidos sobre unha gente fidalga e campesina. Estaban, pois, na liña da obra premiada por Bibliófilos Galegos en 1949, que tivera unha orige semellante. Mais as histórias da Barreira foran traballadas, transformadas e plasmadas, interpoladas e estruturadas literariamente para constituir un produto de ficción narrativa, ainda que as fontes históricas manteñan unha forte presenza, mesmo formal, na obra. Esa manufacturación artística fora adiada no caso de “Os señores da Pena”. Agora, ao reler, depois de tantos anos, as notas que intgraban o esqueleto dun posíbel corpo narrativo, achei que, como o meu teatro juvenil no seu caso, poderian acompañar aos textos ja reunidos en libro, ainda que nunca me determinara a da-las ao prelo autonomamente. Transcrebin-nas, pois, nunha redacción máis acurada, emporiso substancialmente fiel ao guión inicial, ao esquema argumental que a jeito de acta tebeliónica recollia a substáncia dos sucedos; e aqui as incluo con poucos acrecementos ornamentais, cuase na arquitectura funcional da pura construción narrativa. [9]

Henrique Rabuñal comenta:

En “Os señores da Pena” o autor volve ao universo rural, fidalgo e labrego. O texto arrinca cunha poética descrición da paz rural dominical posuída pola figura do señor Valentín e a casa grande e forte. Cando toca testamentar, os señores da Pena pretenden que non se desfaga o conseguido buscando quen poida conservar a facenda. O novo señor da Pena, Daniel, aparece no último capítulo gobernando a elección de alcalde, recibindo caseiros e tamén, coas pernas estalicadas, a caricia da araxe da solaina[10].
  1. Carballo Calero, Ricardo (1984). Narrativa completa. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-321-2
  2. Carballo Calero 1984, p. 122.
  3. Carballo Calero 1984, p. 126.
  4. Carballo Calero 1984, p. 127.
  5. Carballo Calero 1984, p. 139.
  6. Carballo Calero 1984, p. 141.
  7. Carballo Calero 1984, p. 151.
  8. Carballo Calero 1984, p. 153.
  9. Carballo Calero 1984, p. 10-11.
  10. Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 138. ISBN 978-84-9151-436-7. 

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Pardo de Neyra, Xulio (2019). Á sombra de María Silgar, Carvalho Calero contra a ‘historia única’ (xénese e análise d’ A xente da Barreira e Os señores da Pena). Ed. Embora. 328 páxs. ISBN 978-84-17824-01-3.